Opinión

Sobredo, a Alameda do Terror e Palestina

Presentamos Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina, (Tempo Galiza Editora), a pasada segunda feira, o 1 de xullo, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. Estiveches na memoria de moitas de nós cando escribrimos; imposíbel non lembrar aquel libro de poemas de denuncia, Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003, Fundación Araguaney), e o recital en que ti participaras co teu poema "Debilidade", do que Marica Campo toma un verso para iniciar o seu poema neste novo libro. Eli Ríos bota man dunha cita dun artigo do Libro das colunas para o seu e Estíbaliz Espinosa recórdate na súa intervención. Eu, no momento da escrita e no recital, lembreivos a Xela Arias e mais a ti, ela participara no libro, mais xa non o chegou ver publicado. Penso que levamos toda a vida coa palabra Palestina no noso interior e no meu texto pensei nas compañeiras da miña xeración, mortas ou asasinadas, tamén en todas as siñas Sinforosas que en Palestina gardan na memoria os nomes de todas as persoas ás que lles roubaron a vida.

O sábado pola tarde estivemos na Alameda do Terror en Tui, como a denominou a pintora Maruxa Mallo nun artigo que escribiu no xornal de La Vanguardia, para deixar testemuño veraz das atrocidades que cometeran en Galiza, antes do seu exilio; foramos convocadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica Baixo Miño, Condado e Louriña, para celebrarmos o XXV aniversario da inauguración do Monumento á Memoria das persoas represaliadas da autoría de Silverio Rivas, posto en pé polo traballo da Comisión Cidadá pola Verdade do 36; foi o monumento que mudou o terror en memoria, o que convoca a fraternidade, a igualdade e a liberdade, na cidade onde semellaba que só a lúa era transparente, en que se vivía coa roupaxe das palabras fanáticas do fascismo. Os monumentos falan e na súa verdade múdannos a vida. Silverio Rivas, mostrou o elo que o une a el, alumno de Camilo Nogueira, o escultor do Monumento aos Mártires de Sobredo, inaugurado en 1932, co propio monumento tamén levantado por subscrición popular na parroquia de Guillarei, dinamitado no 1936. Rivas na aprendizaxe do oficio tivo nas mans unha pedra salvada de Sobredo. Xa nolo dixera Bieito Alonso, a Sobredo e a Alameda de Tui, á represión sobre o agrarismo e a do 36, úneas a memoria e a loita, estes dous monumentos que non calan.

Pola mañá, LV, no acto de despedida dun curmán moi querido, unha persoa nacida en 1976, que ten unha filla de 16 anos, fixome esta pregunta: Que se che perde a ti nese acto da memoria pola tarde?Foi oportuno lembrarlle as familias que buscan os seus mortos, que non os poden enterrar, como o estabamos facendo. Na miña intervención pola tarde non puiden esquecer o interrogatorio da mañá e lembrar que as malas maneiras de quen mandou e matou despois do 36 aínda estaban aí, para nos cuestionar, para lle botar máis terra á verdade. Persoas que semellan sensíbeis e choran co Diario de Anne Frank, que leron na escola, que negan a violencia de xénero, tamén a do franquismo, e para quen Sobredo, a Alameda e Palestina están moi lonxe.

Despois de visitar a exposición A Nosa Memoria Silenciada en Tui, hai quen se achega ao monumento da Alameda para ler poesía. Poesía que nos une, para que renaza a vida sobre a cinza.

Comentarios