Opinión

Setembro

Setembro é unha palabra que envolve o libro de poemas escrito hai anos por Marta Dacosta. Mes de eu-rapariga a correr por debaixo da viña, vendo como pintan os acios, para tropezar na cepa retorta que multiplica por moito os meus anos. Isto sempre será setembro: a azucena da cor rosa, flor da vendima, pexegos, pavías, apañar os vagos e a volta á escola.

Setembro sofre as trasnadas de agosto, as deste ano son moi grandes. Volver á escola non vai ser alegre; entraremos nas aulas coa incerteza e o desasosego bailándonos no corpo como a máscara na cara, co desgusto da redución do número de ensinantes, do espazo entre as mesas do alumnado e co aumento da ratio. A redución do número de alumnado na aula, fundamental para unha mellor calidade do ensino, non chegou no curso 2020 para ficar, foi unha falsa ilusión que doe. Que ten que ocorrer para que a educación de calidade sexa un dereito para a cidadanía? Que sexa o prioritario para quen nos goberna e para quen vota? As aulas non deben ser aparcadoiros onde deixar a rapazada, son lugares para aprender futuro, viveiros de socialización e do desenvolvemento de destrezas para un mundo mellor. Agora un paso atrás. Restamos futuro.

Setembro entra cunhas listas de espera que aforcan o sistema sanitario público. A cidadanía está desesperada e o persoal sanitario tamén. Chove aínda máis no teito da saúde pública, hai enxurradas que arrasan cos alicerces dese dereito á boa atención médica, que atenta contra o de vivir a enfermidade e a vellez con dignidade. Unha voz no teléfono non é o mesmo. Abonda xa de asumirmos a ladaíña de que non hai persoal. Desenvolvermos o traballo co tempo necesario para facelo ben é un dereito; as enfermidades precisan de atención e chegarmos á vellez forma parte da vida e é un dereito.

Setembro entra coa brincadeira da luz, cos seus saltos nos prezos nas franxas horarias, como un xogo perverso; entra para ser nova na prensa diaria, para interiorizarmos a falta de liberdade para poñermos unha lavadora; entra para obrigarnos a traballar a fin de semana, noites longas de contaminación acústica nas vivendas de andares, lonxe da urbanización de luxo. Mandan na nosa vida as empresas eléctricas, tácticas do novo escravismo, esa manipulación de nos atar a un horario aínda máis.

Setembro chega para que desapareza o banco onde se meteron os cartos, onde nos atendían e axudaban cos recibos, coas pensións. Chega para confirmarmos que a tecnoloxía tamén remata con postos de traballo, complica a vida de moita xente, sobre todo, unha vez máis das persoas que teñen dereito a unha vellez digna. Abanca arruína o rural, despreza as barriadas das cidades. Non nos aforra en problemas.

Setembro vén para nos dicir que reaccionemos, que pensemos nunha tarifa eléctrica galega, nunha banca pública galega, en non pagarmos a peaxe da AP-9. Reivindicarmos os dereitos da cidadanía que somos, aprender a aprender, é o fundamental da educación pública de calidade.

Setembro vén para defendermos a lingua que nos fai pobo, para actuarmos. Marta Dacosta convídanos a que escribamos as nosas propias Notas sobre a extinción, para "cabalgarmos contra o tempo" e termos e escribirmos futuro.

Setembro convida á revolta dos animais que somos.

Comentarios