Opinión

Setembro inédito

O outono na porta está a dicir que a paisaxe unha vez máis mudou, arrasada polo lume. Por Vilariño de Conso, Manzaneda, Pobra de Trives, Maceda, Cualedro, Montederramo, Lobios, Vilardevós, Vilar de Barrio, Laza, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, A Mezquita... e por tantos outros lugares hai terra queimada. Doe a paisaxe de terras traballadas, habitadas por animais, desde os cabalos até a abellas, doen os soutos, o mato, as oliveiras dos eidos de Iria e a herba que agardada ou non sempre viña nacer. Doen as casas a arder e a xente sen durmir para contemplar como todo arde. E arde todo desde hai demasiado tempo para non sabermos aínda a quen nada lle doe, para quen ese arder multiplica cartos. Non son peliqueiros, nin felos, nin cigarróns, nin pantallas, nin os osos, que volveran felices entre nós, quen prende lume no monte. Neglixencia, incompetencia, falta de autoestima, de nos querer como pobo, de conciencia ecolóxica... Mais hai quen nos ten que dar outras respostas. Quen gaña cartos cando todo arde?

Remataron para sempre o sosego e a regalía do setembro da vendima, dos figos e das castañas que brincan. Dos ourizos no chan, ese pouquiño de medo de soltar a man da nai no primeiro día de escola, a alegría infinita por abrazar as amiguiñas que non vías desde xuño, o desexo de saber quen era a profe... Setembro é o mes que nos di que xa todo mudou. Vexo desde a fiestra a rapazada miúda correr e saltar, abrazarse, tocarse, sen metros medidos no patio da escola e véxoa coa máscara na cara, aprendendo a que as emocións se lles vexan nas mans e nos ollos. Entón a mestra berra: No saques la mascarilla para hablar! Recógela del suelo! Velaí vén un setembro de infancia inédita. Velaí vén un setembro de descubertas medidas para a adolescencia e para a mocidade, con medicións exactas xa non hai descubrimento posíbel, non hai incognitas, como se se aprendese un porvir sen andar carreiros, sen saír do rego, sen tocar o rego.

O alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional vai perder esas viaxes, esas conferencias, as saídas aos museos e ao mundo con fame de escola. Setembro é quen nos di que todo mudou, é quen nos está a dicir que quizais, despois da foto de inicio de curso, en primeira liña de combate, nas trincheiras, teñamos que iniciar unha retirada e volver á casa. Isto sería terríbel para crecermos e coidármonos como sociedade, para responsabilizármonos, tamén para respectarmos ás persoas maiores e dicirlles que contan. O sentidiño non é só a palabra que se escribe nunha máscara, é o bo facer político, a responsabilidade que debe obrar polo ben común, un ben común que ten que comezar por un protocolo que asegure a saúde nos centros de ensino, que diga con claridade como cómpre actuar en cada momento, en cada caso.

Non hai vacinas que impidan os incendios, tampouco o feminicidio, tampouco as que eviten as mortes das linguas nin da vida nos océanos, por iso a escola é importante para aprendermos a facer preguntas, para sermos persoas responsábeis e solidarias que saben cando hai que poñer a máscara. Mentres tanto con todas as incertezas, con medo disimulado soltamos a man da nena no primeiro día da escola e agardamos a vacina, que virá da man da ciencia, que tamén como pobo hai que coidar.

 

Comentarios