Opinión

Seguras e libres

O día que a ía matar, Maca, saira o suficientemente segura da súa nova casa, un apartamento que alugara había uns quince días en Tui. Pasara a noite coa seguridade de que todo ía ir mellor, prometérase a si mesma intentar ser feliz, quería vivir, sen soños, había tempo que esa palabra non lle pertencía, tiña os pés chantados na realidade. Segura, debeu entrar pola porta daquela casa, onde vivira moitos anos, onde creceran os seus dous fillos, xa homes feitos e coa vida encamiñada. Ela, segura, iso pensamos, encontrouse con el: o marido, o pai dos seus fillos, o seu asasino.

El, o marido de Maca, pai de dous fillos, o asasino, moi seguro, chegou cedo ao traballo, para comunicar que debía ausentarse para asinar o divorcio. Seguro, debeu facer o camiño de regreso, entrar pola porta da casa, nalgún momento, seguro, encontrouse con Maca, a súa muller, a nai dos seus dous fillos, xa homes feitos e coa vida encamiñada. Seguro, coa súa escopeta de caza disparou tres tiros e asasinou á Maca, a nai dos seus fillos, á súa muller. Seguro, matouna porque era súa. Despois, tamén seguro, o asasino matouse e deixou unha nota en que pedía perdón aos fillos e lles indicaba o lugar onde había algúns cartos. Nese escrito afirmaba, con toda seguridade, que a vida para el, sen Maca, non tiña sentido.

O WhatsApp da aldea fervía, en principio, contra as expresións “violencia de xénero”, “crime machista”, despois foi mudando, até empregar as palabras “asasinato”, “asasino” e “feminicidio”, para rematar cunha terríbel sentencia, á que xa ninguén quixo contestar: “Que os xulgue deus”.

 

O mundo tremeu cando o asasino con tres tiros asinou o divorcio e rematou a vida, que esnaquizara en tantos anos de relación, de Maca, esa vida da que ela quería tomar rumbo, por iso buscara un apartamento en Tui. Familia, veciñanza e amizades, o mundo de Maca e do seu asasino, persoas que os querían, non podían crer o sucedido. O WhatsApp da aldea fervía, en principio, contra as expresións “violencia de xénero”, “crime machista”, despois foi mudando, até empregar as palabras “asasinato”, “asasino” e “feminicidio”, para rematar cunha terríbel sentencia, á que xa ninguén quixo contestar: “Que os xulgue deus”.

“Eran tan felices, bailaban en todas as festas, sempre collidos da man”, “o que pode facer a cabeza”, afirmacións que se repetían, para xustificar o que non se admite. A man que agarraba a de Maca era unha cadea, o baile, unha danza marcada, para tela controlada e non querela libre. Seguro que hai quen sabía moito e mirou para outro lado e segue a pensar que era cousa deles e non admite que o privado é público. Para quen traballou e riu con el, para quen creceu e andou na escola con el, é difícil pronunciar a palabra “asasino”. Esa é a palabra: Asasino.

Dúas esquelas na prensa, os mesmos fillos, homes feitos e coa vida encamiñada, unha rosa branca enriba do ataúde de Maca, unha rosa vermella enriba do ataúde do asasino, inocencia fronte a crime por paixón. Que os xulgue deus!

Ficción fronte á realidade, non hai paixón, é preciso, e non hai outra, admitirmos que o noso veciño, o noso amigo, o noso pai, é un asasino. Admitirmos que eses corpos que se despiden na cerimonia anunciada en dúas esquelas separadas na mesma folla do xornal son o de unha vítima, que se cría segura e quería ser libre, e o de quen, coa complicidade social dun crime por paixón, a matou, o asasino.

Sae e morre o sol cada día, no medio vai a vida, a morte é o remate dun proceso, ás veces non hai denuncias e mírase para outro lado, cando o privado é público. Maca, ese día foi Pepa en Granada e unha muller, sen identificar, de corenta anos nas Canarias, vítimas do feminicidio. Feminicidio é unha palabra que hai que pronunciar, tamén na escola. Na casa e fóra, coa manada ceiba, as mulleres, seguras e libres.

Comentarios