Opinión

Saleta, en Nós, conNosco

Morrer con serenidade é fermoso. Asumir a morte como a vida, ten sentido. Estar satisfeita coa vida que se levou tamén é partir co deber cumprido: a casa arrombada, a familia e a herdanza. Estou, estamos, felices, quen ben a queremos, de que Saleta Goi García abandonara serena, co deber cumprido, o mundo tanxíbel e mortal, por ser, ela, trabe na casa común herdada, que herdamos. Casa labrada en lingua e terra, da nación que está no corazón como quixo Manuel María que aprendese a rapazada. E desde o corazón, madurecer no estómago, ascender á cabeza; corazón e razón que conclúen na boca para pronunciar a identidade, herdada, pola que, como dixo Luísa Villalta, aínda nos apuntan co dedo acusador: Galiza.

Só coñezo unha Saleta, así llo dixen un día, o mesmo en que me explicou que a orfandade é un traxe que nunca se pode tirar fóra, que crece contigo como unha segunda pel, que sempre vai por dentro. Ese día en que falamos que os mortos queridos, as mortas queridas, non nos abandonan de todo, que nos permiten que lles falemos cando queremos seguir cun proxecto de vida, se llelo querermos contar. Ese día en que dixemos que nunca seríamos viúvas, esa palabra que define pola ausencia do outro, a rabia que sentiamos ao lela nos papeis, como se nos roubaran a propia identidade: sermos nosoutras. 

Saleta é Saleta, sempre no seu lugar, no que quere, cunha elegancia exquisita, construíndo o mundo desde os alicerces: nena, rosa namorada do Manuel María, libreira, militante consciente, coherente até sempre. Non a vin na libraría Xistral, sei que non todo foi doado, nin dentro nin fóra dos libros, mais cando me falou dese tempo sempre me transmitiu entusiasmo. Entusiasmo polo que había que facer que tamén era levar libros ás casas, sementar palabras e agasallar os fertilizantes necesarios, para nos descubrir o país: Galiza. Elo fundamental entre a xeración das Irmandades da Fala, tratou con Otero Pedrayo, e a actual Galiza Nova, da que formaba parte. Saleta é desas persoas que non teñen idade, que as hai, desas que converten días en saber e en diálogo co novo, para crer e seguir construíndo futuro. Consciente de que só se constrúe o futuro aprendendo, do estripeiro herdado e das ponlas que lle nacen. Esa é a ollada de Saleta, a de quen aprende.

Hai corenta anos, o 25 de setembro de 1982, Saleta estaba no Frontón de Riazor onde se decidiu a fundación do BNG. Aí, nos quedan as súas palabras, que tantas veces repetiu: defender o país é o mínimo. O país, amasado en terra e lingua: Galiza. Saleta, amasada en terra e lingua: Galiza.

Hai moitas fotografías de Saleta con Manuel María publicadas estes días nos xornais, imaxes entrañabeis da nosa raíz. Hai fotografías de Saleta, forte e segura, unha trabe da casa de Hortas, de todos os poetas de Outeiro de Rei, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos: Raíz. Saleta é unha muller que non claudica. 

Hai unha fotografía de Saleta celebrando a aparición de Nós Diario, ela ten un exemplar nas súas mans, ela está entre quen sabe necesaria unha prensa en galego, galega. Na fotografía hai moitos sorrisos, é maio de 2019. Saleta: pobo. 

Quero agradecer á médica Maca Domínguez e ao médico Luís Domínguez o ben que coidaron a Manuel María, o ben que coidaron a Saleta, o amor á dignidade e á vida. Agradezo a Alberte Ansede e a María Calvo a súa entrega, o seu acompañamento nesa morte serena. Obrigada polo futuro, esa luz prendida na Fundación Manuel María de Estudos Galegos, na Terra Cha.

Saleta, obrigada pola familia de Nós, sempre conNosco.

Comentarios