Opinión

Con roupa de domingo

O problema non é que vostede gane. O problema é que a roupa de domingo cada vez se achanta máis, gárdase nas arcas, nos faiados, non ventila; a chaqueta fermosa de pano, de bo corte e de boas mans costureiras xa non vai en herdanza, tampouco a saia de veludo da cor do viño tinto, nin a camisa branca bordada coas letras do nome do avó, nin as delgadas que sentaban tan ben por baixo daquel vestido transparente de gasa sedán. Toda a roupa de domingo vai camiño de se converter nunha alfaia de museo, no museo da roupa linda e das palabras durmidas. De palabras durmidas é do que falamos; das palabras arredadas, afastadas do dicir, da aprendizaxe de cada día, dos xogos das palabras creando outras palabras, do remate da aventura de conxugarmos e xogarmos cos pronomes, da durmición da lingua, sen roupa de festa, na festa allea de vostede. 

Do tránsito da lingua uniformada nos xenéricos de árbores, paxaros e outros animais; uniformada e globalizada, sen palabras patrimoniais, sen sinónimos, sen matices; da lingua sen cores, sen arrecendos, nin cheiros, nin fedores; da morte da lingua arrombando as palabras, acochándoas entre as follas dos libros, nos poemas, palabras e palabras, a tremer de frío tan lonxe dos xogos da rapazada, dos días de futuro da rapazada sen futuro. Diso falo da lingua con esclerose, mutilada, da lingua morta dos exames de lingua e literatura galega das probas ABAU. Diso falo, mentres repito que o problema non é que vostede gane, nin os vostedes da súa romaría.

Non sei se a lectura de cento quince exames de lingua e literatura galega serve para avisar desa durmición, dese tránsito da lingua fosilizada nos libros de texto, nas gramáticas e até no dígocho eu,  xa que de nada serve dicir, nin ti, nin eu, cando nos convertemos en cantigas vellas con acento enxebre, para o museo, dígocho eu, oh. En cento quince exames só un infinitivo conxugado, unha pobreza léxica tremenda, españolismos por aquí e por alá, que seica é tamén a riqueza que temos co contacto de linguas, que tamén che digo que o dos prexuízos lingüísticos seica é un conto, que todo ten que ver coa liberdade do individuo. Iso si, a rapazada galego falante hai que protexela, que disque non pode aprender o galego dereito e vai falar cos españolismos de toda a vida e este si que é o prexuízo de sempre, esa incapacidade de futuro que se nos quere ver, de toda a vida, na reserva de toda a vida.

Cento quince exames e o coro de parte do profesorado que comprobou que a calidade da lingua nin é preocupación. Non hai entusiasmo para saírmos do centro comercial onde mercamos a roupa de diario que é a de domingo e a de festa, que é igual aquí e máis alá da Canda e do Padornelo, que é igual como é todo igual en IKEA ou en Decathlon, todo de batalla, sen festa. E contra isto non hai outra, que volvermos botar man de todas as palabras con entusiasmo e na mesma banda galegofalantes e neofalantes, que nesta festa estamos todas e a roupa de domingo e para poñermos, para xogarmos cos pronomes e brincarmos coas perífrases, mentres arrecende a tromentelo, na ponla da maceira pousa un verderolo e polo ceo danzan as cores dunha poupa. Ou bailamos ou perdemos, ese é o problema!

Comentarios