Rosalía de Castro, sempreviva. Compostela, sempreviva

Lembro unhas flores que poboaron os xardíns da miña infancia, cando as sementes ían de man en man, cando nas casas máis novas xa non había un lugar para a eira onde botar os feixóns e si para  naceren as flores. Apareceron as semprevivas, flores perpetuas, que pasaban da terra ao búcaro enriba do móbel do corredor, e ao situado no espazo familiar do cemiterio, que sinalaba a querenza, o vínculo coas mans da casa. Había semprevivas ás que se lle mudaba o talo por un arame recuberto por un papel verde de cebola. A flor simbolizaba a verdade. As semprevivas remataron por un tempo coas flores de plástico. Agora abandonado o cemiterio da parroquia, a emigración lonxe devolve ao cemiterio flores falsamente elaboradas que entran polos ollos e que hai que tocar para ver que non son. As semprevivas de pétalos alaranxadas e marróns son un milagre que cómpre ciscar co vento como a memoria do que somos.

Eu fálolles de flores e de Rosalía de Castro. O suxeito lírico do primeiro poema de Follas Novas, non cantaba nin ás pombas, nin ás flores, a escrita da autora enfrontouse a un proceso de de-xeneración, de asunción da escrita desde a propia vea inchada, desde o silencio, desde a procura dun propio cuarto, antes do cuarto propio. Unha revolucionaria que abre a porta da literatura galega moderna e sitúa no centro á muller, á lingua e á alegría do pobo. Mulleres son: a meniña gaiteira, as rapaciñas da alborada, quen tece soa a súa tea, quen  non é Pepa e atopou un Pedro, quen sabe ben das mañas dun Santo Antonio casamenteiro, que non casou, e moitas outras. 

Levo anos lendo a Rosalía de Castro, é un libro aberto que sempre me responde, que sempre me aprende, coa que sempre gozo e río. Esa ironía, esa retranca rosaliana, que tamén se perde, como a lingua, como a conciencia de sermos pobo, de sermos esa Galiza que nunca debe ser chamada, como nunca debe ser chamada. É preciso lermos Rosalía, levala ás aulas, saír con ela de paseo. É preciso querela, querérmonos. É preciso festexarmos o 24 de febreiro, sinalarmos ese día no almanaque. Porque Rosalía de Castro, camelia en flor de febreiro, é unha sempreviva, agrándanos a rebeldía e a intelixencia.

Compostela é a capital dun país, o lugar onde agroma a esperanza dun porvir, non é o remate de nada e é símbolo de nós, a eira da casa do corazón do pobo. Compostela, non é só esa cidade da falsa moeda do turismo, é a cidade onde moran reis e raíñas de nós descoñecidos, de trobadores e xoglares, de estudantes, de persoas que van e veñen da feira, unha cidade viva. Compostela é unha sempreviva que percisa ser re-descuberta, querida, para nos querer nela.  

Mercedes Espiño agasallounos un libro da Compostela sempreviva, da Rosalía de Castro sempreviva: Os espazos de Rosalía en Compostela. Na porta unha fotogafía que nos convida a imaxinar o diálogo entre a autora de Cantares Gallegos e o autor de Romancero Gitano. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro. Un estudo preciso que nos descobre espazos, que debe ser traducido a moitas linguas, xa que a identidade de Compostela, capital de Galiza, tamén é Rosalía de Castro. Dúas flores semprevivas universais.