Opinión

Ritos de resistencia

Resistir é un verbo que esgota. Porque aguanta, soporta, sofre. Resistir é tamén opoñerse a unha forza contraria. É resistencia. A resistencia é tamén unha organización clandestina. Resistencia é negarse a aceptar que o imposto é inamovíbel. Entón o esgotamento, o sufrimento, a resistencia convértense nun movemento. As sufraxistas moveron e o movemento feminista converteu a resistencia en revolución. Mais esta revolución pacífica, que dinamita leis, construcións, padróns patriarcais, ten vítimas diarias no mundo enteiro: asasinadas por seren mulleres e por dinamitaren ese padrón patriarcal. Abrir os ollos, tomar a palabra, dicir non, é no século XXI aínda un perigo. 

Marzo é un mes que nos move como cidadanía, que nos di que hai que seguir traballando para como persoas termos dereitos, para dicirmos libremente: eu son. Mais este marzo provocou que o día 8 moita cidadanía preguntase que está pasando en Madrid. Que está pasando cando o mural, que lembra que a unión fai a forza, que representa a quince mulleres que loitaron polos dereitos humanos, situado no polideportivo La Concepción, no bairro de Ciudad Lineal, aparece coas caras desas mulleres borradas? O alumnado que se achegou até alí viu o rostro das mulleres cuberto de pintura negra e con carteis de abortista, terrorista, comunista, pegados enriba. Souberon os nenos e nenas que, ademais de aprenderen o significado desas palabras alí pegadas como insultos contra a parede, os rostros de Rosa Parks, Angela Davis, Liudmila Pavlichenko, Rigoberta Menchú, Lucía Sánchez Saornil, Frida Kahlo, Rosa Arauzo, Chimamanda Ngozi, Kanno Sugako, Valentina Tereshkova, Emma Goldman, Nina Simone, Billy Jean King, Gata Cattana, e a Comandanta Ramona, foran pintados, borrados, e que, delas e deles, ía depender que non se lle borrase a memoria. Aprenderon que debaixo de cada rosto borrado latexa a verdade dunha muller que resiste. Soubemos que alguén realizou o traballo que VOX demandaba.

Marzo ten moitas datas no calendario que nos moven e nos conmoven. O 4 de marzo Xela Arias cumpriría 59 anos, ela díxonos que "vencerse é cousa de se tratar". O 6 de marzo de 2004 falecía a poeta Luísa Villalta, a quen lemos en "Ritos de resistencia": "Isto é poesía, un ruído provocado. (...) Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel do mundo: un tambor que desperta. (...) Isto tamén é unha muller que resiste". Vexo un diálogo entre as dúas poetas, poida que por sermos todas dun tempo e de termos en común a necesidade de procurarmos o espazo para a nosa palabra. Sería ben darmos continuidade a este discurso e que o próximo ano a RAG poña de moda a escrita de Luísa Villalta, para que a súa nos cuestione. Para que quen nunca a leu, fale dela, porque aínda así, como agora con Xela Arias, que fala quen nunca antes a leu, nin falou, o importante será que a súa escrita se decubra, que nosoutras nos descubramos nela, que a obra dea que falar. Porque é necesario que a súa poesía, narrativa, o seu teatro, o ensaio, as súas columnas que nos escriben desde o Papagaio até o outra lado da música se lean e que non se deturpe a súa posición comprometida no mundo. Isto tamén é unha muller que resiste.

Comentarios