Opinión

As putas de San Julián, Osvaldo e Marlíes

As putas do prostíbulo La Catalana que rexentaba Paula Rovira eran Consuelo García, Ángela Fortunato, Amalia Rodríguez, María Juliache e Maud Foster. Os seus nomes escribiunos no tomo II de Los vengadores de la Patagonia trágica o historiador Osvaldo Bayer; a historia contouna tamén na Universidade de Tréveris, convidado polo Galicien Zentrum para falar sobre o galego Antonio Soto. Logo de vermos o filme La Patagonia rebelde e dun coloquio intenso, leu o episodio que aconteceu o 17 de febreiro de 1922, cando rematada a folga dos peóns agrarios co fusilamento de 1500 persoas e co terror, o tenente coronel Varela premia os seus soldados do Décimo Reximento de Cabalaría para celebrar a vitoria e a tropa peta na porta de La Catalana, na cidade de San Julián. As putas non abren, non os queren atender. Chámanlles asasinos e dinlles que con asasinos non se deitan. Deféndense con vasouras e paus. Son detidas, torturadas e expulsadas. Lean Osvaldo Bayer. Vexan o filme e póñanlle este remate, que era o que desexaba Bayer, e que a censura en 1974 non lle permitiu.

Osvaldo e máis eu seguimos véndonos e cultivamos unha amizade en familia. Visiteino no seu Tugurio de Buenos Aires, mostroume as rúas con nomes de xenocidas que había que mudar, as estatuas que derribar, faloume de Awka Liwen (Rebelde Amencer, en mapuche), dos pobos orixinarios, do xenocida Xeneral Roca e, fronte a el, de Arbolito, das Madres de Maio, da súa vida. Coincidimos en Galiza, leveino ao Porto de Vigo e falamos da reconversión naval, a Combarro, á Lanzada, a Tui e falamos da ameza do turismo, ao Aloia e falamos da vida que se agocha na memoria que cómpre recuperar. Visitámolo na súa casa en Linz am Rhein, onde vivía na súa estancia en Alemaña con Marlies Joos, a súa compañeira, a nai dos seus fillos, a escritora de La vida me lo ha regalado todo. Entre 9 de Julio y Linz junto al Rhin, a amiga lectora.

Osvaldo era o único da familia que seguía vivindo en Bos Aires e Alemaña, isto convertíao nun enlace para a familia que conseguía que Arxentina seguise aí. No inverno, a neve mantíñanos na casa, viamos filmes, falabamos dos libros e dos proxectos que tiñamos, un era escribir un libro de conversas, con Galiza, Alemaña e Arxentina de fondo. No verán gozabamos dos paseos e daquel xílgaro que viña comer até a terraza. A última vez que estivemos con Marlies e Osvaldo coñeceron o noso fillo, era a noite de reis do ano 2014. Ese día como para fechar un círculo, sen o sabermos, as putas de San Julián foron o tema de conversa. Osvaldo non só escribira para que a súa historia se representase nos teatros de Arxentina, subía ao escenario encantado nun papel de actor, marabillábanos a súa enerxia na procura da xustiza. Quedamos en que tiñamos que facer algo en serio sobre o tema da prostitución na actualidade. Marlies vía imposíbel que se abrise un debate a nivel mundial, acordamos estudar o tema para o verán. En setembro de 2014 a historia das putas subiu con Osvaldo ao Teatro de San Julián. Nunca nos volvemos ver, mais este 18 de febreiro, aniversario de Osvaldo, brindarei por esas putas de hai cen anos, por Marlies, por Alexander e por el. Buscarei con quen tratar, en serio, o tema en que quedamos.

Comentarios