Opinión

A praia estaba deserta

Só a nai, o pai e dous nenos descendían polo camiño trazado para non atentar contra a duna. Hai uns anos acolleron na familia outra familia, así outra nai e outro neno, formaban parte dese grupo, de sete persoas, aínda que se contas só che dean seis. É máis, nos seus corazóns son sete e un can. Cando todo é marabilla están esas persoas e os outros animais que nunca nos deixan de todo. Desde o alto a praia é un cadro perfecto para contemplar desde calquera dos seus extremos a caída do sol, desde o alto observas ese espazo recollido, agarimado en cada lado polos cons. Ao pé da area sete persoas e un can son criaturas minúsculas para chegaren primeiro e formaren parte do espazo dunha das covas. Chegar primeiro á cova é o galano para a xornada de horas de aprender do mar, da area e dos seres que habitan ese mundo, un milagre case solitario. Quen chega primeiro sabe que xa ninguén vai molestar. A praia é grande e está deserta. Pódense albiscar outros puntiños polo carreiro abaixo que nunca incomodan se este extremo está ocupado e que se desprazan até o outro límite e camiñan pola area nunha simbiose perfecta. Isto sempre foi así. Un pacto non escrito, un respecto polo espazo de cada unha, unha empatía, prevaleceu sempre nesa praia, á que é difícil chegar e da que é aínda máis dificil saír. No descenso partes as pernas e no ascenso quedas sen folgos. Todo o mundo somos planeta e esa praia é un universo único. Xa sabemos que hai quen vai pola terra arrasando. Haiche moito Elon Musk pagando golpes de estado e outros, a escala máis pequena, rachando o equilibrio. Ocupando mal a escena, desa xente que entra sen máis, interrompendo a traxectoria dos xogos dos nenos, o camiño que te leva do espazo de ler, de xantar até a beira do mar; xentiña que se che poñen diante e pasa por enriba da empanada de zamburiñas de pan de broa. Mais a praia estaba deserta e chegaron e puxéronse onde quixeron e non debían. Os primeiros nenos levaban pedras nas mans máis ben pesadas, subían polas rochas e desde arriba botábanas a rolos, unha e outra vez, pequenos Sísifos contrariados, cando a nai de fóra, con lingua de fóra lles dixo que non lles tiraran pedras. Con Aldán puxémoslles nomes a estas Felipas, Leticios, Froiláns e Borjas; desexamos que lles picara unha faneca, sabiamos que nós tiñamos o medicamento. Se hai estéticas de praia, o seu bocata, o seu flotador con propaganda de coca cola, os seus traxes de baño de moda non pintaba nada nesta praia. Si estaban no seu sitio os corpos en coiro e a liberdade da carne. Peor foi aínda o carozo de mazá e a cabicha que deixaron na area. Peor a chegada doutro grupo de siareiras TikTok que gravándose, nos gravaba, mentres os nosos brazos berraban que non. Peor aínda a chegada dun can tolo ladrándolle ao mar e invadindo o campo de futbol dos nenos na praia deserta, peor o seu dono con botas militares, que tampouco nos vía e non chamaba polo seu can. Moito efecto colateral da Covid-19 que trae xente onde non debe. Finalmente, desde a praia deserta o espectáculo do sol debuxou ao lonxe unha nave espacial, divisamos o raio verde felices.

Comentarios