Opinión

Pan (1)

Comer un anaco de pan quente, darlle voltas na boca, moer o alimento, engulir... Este é un dos meus maiores praceres, quizais un dos primeiros dos que fun consciente. Marabíllame a sorpresa do trigo que nos pintou Maruxa Mallo e esa manifestación que hai detrás, da muller que pide pan. Penso en quen non ten pan, quizais por ter vivido en Alemaña, onde tamén se sabe o que significa non ter nin para pan, quizais pola riqueza dos seus pans, alí e aquí, sábese do valor do pan, sobre todo se se é do Porriño, se se é de Mosende. O pan forma parte do noso ADN. Quen foi rapariga con miña nai, aínda ha de lembrar ir buscar os chuscos do razonamento á tenda do Mallón, ou ao Porriño, en tempos en que a vida mudara e castigaba tanto, cando mandaban, daquela maneira, como tiña que ser o pan, canto se podía e quen o podía facer. Castigos que sufrían as panadeiras e que servían para recadar cartos con multas e sancións. Pan de trigo, de centeo e de millo... Pan do Porriño.

Para min a sorpresa era a do millo, non a do trigo, aínda que as do Marcelo botaban trigo e encantabanme as espigas. O millo corvo descubrino de maior, pola Asocición de Sociocultural, Deportiva e Xuvenil de Meiro (Bueu) que fixeron un labor excelente pola súa recuperación. A sorpresa do millo comezaba en oír falar do tempo da rega, ver correr a auga polos regos, logo esfollar o millo e que che tocase un rei ou unha raíña, despois debullalo e cando quedaba o carozo, que che aprendesen como xogaban de raparigas con eles cando non eran tempos de monecas. A fariña viña do muíño coa tía Julita e era ela quen che aprendía, no forno que tiñamos, o milagre de converter a fariña en pan. Procurar polos camiños a bosta para selar a porta do forno, as follas de castiñeiro ou de verdura, para lle facer a cama á masa, formaban parte do ritual. Este era o pan dunha vez á semana, de millo, ás veces tamén había empanada, de xoubas, pichóns, croques...

O pan saía fermoso e aguantaba ben os días gardado nun pano, rico cos ovos fritidos. O pan de todos os días cocido no forno de leña viña primeiro en bicicleta, con José, o Sarillo, da panadaría da familia, pan do Lemos, que chamaba a porta e para nós era unha festa, deixábanos dúas barras que comezabamos a peliscar. Este é o pan que habita nos meus poemas. Despois o pan chegou no catro latas marrón de Saturnino, moito nos quería e regalábanos cornuchos. Hoxe é Conchita, quen leva a panadaría, Lemos, coñecémola desde que lles alegrou a vida de nena e viña tan campante no coche con Saturnino. Agradecémoslle empanadas, roscas e o mesmo pan de sempre; collelo na panadaría quente, gloria bendita. En Mosende estaba a panadaría "La Estrella" do Piñeiro, que tiñan tamén o cine e o baile, pan máis industrial, pensado no bocata do traballador da fábrica. Hoxe no lugar desta panadaría está o Forno de Mosende que leva con amor absoluto e dedicándolle horas de aprendizaxe, Manu, dá gusto escoitalo falar do pan, para sabermos que ser panadeira, panadeiro, é moito máis ca un oficio, é unha filosofía de vida que acompaña á quen fai o pan e a quen o sabe ben comer, á quen lle dá valor. Comer un anaco de pan, sentir como enche ese bico tan longo...

 

Comentarios