Opinión

Pan (2)

O Porriño arrecende a pan e as súas mans teñen, sobre todo, nome de muller. En Mosende o nome das mans do pan do Lemos era o de Herminda, hoxe é o de Conchita. No Porriño o pan vívenos dentro, danza no noso padal como un anxo da garda laico que nos acariña. Todas e todos temos que dicir da tenda, da panadaría, dese pan que é alimento eterno. Harold os sábados ía buscar dúas barras á da Chichina, antes de chegar xa se lle metía ese cheiriño dentro, na porta estaba Maruja co mantelo enfariñado, desde o despacho vía o forno de leña funcionando mentres esperaba o pan cocidiño. Ao saír non era doado levalo debaixo do brazo, aínda queimaba, logo triscaba ben e aínda lle sabía mellor. Depenicar o pan, un pracer, onde se sumaba o sabor e o sentimento de deixar unha barra pola metade.

Hoxe en boa compaña seguimos comendo empanada da Chinchina, de luras, zamburiñas. Paz tamén depenicaba a boliña de pan que lle encantaba ir coller das mans de Sita de Troca; vía como preparaba o forno, retirando a leña coa vasoura de pau de xesta e o pan chegaba sempre encertado á casa. Manuela ten lembranzas da panadaría da Mercedes, dese arrecendo que quece, tamén do tempo da Pascua, de como a rapazada ía botar unha man nas roscas e logo lles regalaban unha que sabía a gloria. Foi na casa da miña amiga Concha onde probei por primeira vez o pan de Erundina, o que máis gustaba na súa casa. Xa tiña entón dous pans: o de Lemos, de Mosende e o de Erundina na casa de Concha, en Torneiros. Díxenvos que as mans do pan do Porriño teñen nome de muller, é certo, e eses nomes viven na memoria das persoas, agora felizmente nun libro precioso Unha bola do pan do Porriño (Engaiolarte) de Paz Antón, que recomendo para comprenderdes este oficio vivificando a vila laboriosa que tiña fornos espallados polas rúas e rueiros e neles as panadeiras, desde Juana de Geroa, avoa de Jesusa até Dolores Valverde, nai de Lola da Santa, a do último forno do Aloques, perfumaban a vila con pan, disto fala o libro, do saber do pan. De xeración a xeración, das Manolitas, dos Vinagre (O forno de Argibay) foi pasando o oficio e o arrecendo. De Asunción, a Garganeira, dos Aloques herdaron o oficio Erundina e as súas irmás, África, Asunción e Josefita. Erundina levou o forno para perto da vía do tren, que herdou o entrañábel amigo Carlos, o fillo, comprometido en levar o pan do Porriño polo mundo, en darlle forza ao asocionismo.

Hoxe a panadaría nas mans das netas de Erundina, Helena e María. Eu para ir do Porriño a Mosende agardaba no Paso Nivel algún coche que me librase de andar, acompañábame a espera o cheiriño da panadaría que tiña nas costas Paso Nivel, que puxo Carmen, das Manolitas.  A actriz Areta Bolaño, a da Panadaría, é bisneta da Señora Emma, que tiña forno en San Benito.

Forza e mans de panadeiras e vendedoras de pan, como Mary Argibay levaba ao mercado en Vigo, como a Señora Perfecta Lorenzo Valverde, de quen meu pai dicía que merecía un recoñecemento polo seu traballo, tirou adiante con sete fillos, vendendo empanadillas no tren e nas feiras, o home malmorreu no Cárcere de Burgos. Elas matáronnos a fome e alimentáronnos a vida. O Porriño, é parada obrigada. É pan.

Comentarios