Opinión

Onomástica da terra e de nós

Os nomes da terra descenden os outeiros, ruben os cumios máis altos, máis arriba das curotas para dicir da Fraga do Ceo; tíranse a rolos abadas abaixo, afúndense e aboian en cada anaco de río, na súa foz, nos regatos, zume, sangue para se mergullaren en lagoas da serpe ou do lazo, abrazaren a terra en anlladas, cantaren no bico da fonte, bateren na fervenza, caeren a cachón, enredárense na silveira, picárense nas toxeiras; detéñense na solaina da bocarribeira e apréndennos da senra ou da seara, da centeeira, do durmir do leirón, da xuntanza na raposeira ou na gulpiñeira, no souto, na carballeira, no teixugal ou no pomar; son toba, espenuca, toupiñeira, e atravesan a historia pola ponte do pasatempo. Os nomes da terra están en cada cortiña, nas devesas, en todas as leiras, nas veigas; son folón, madorras, levadas e roteas e desde as ribeiras choutan para enriba das pedras e dos cons, onde habitan furnas. Os nomes da terra son camiños, carreiros, congostras, corredoiras, e fanse rueiros, con rúas, canicouvas, quenllas; alárganse en prazas, pasean avenidas. Os nomes da terra son nomes de Nós, polos que nos chamamos e nos chaman: Gundar, Brandomil, Maroñas, Artai, Aloia, Xalo, Navia, Xares, Aldán, Tegra... 

Esa é a verdadeira fala dos camiños que han de ser andados para non cegaren de abandono e seren roubados polas propiedades lindeiras, polo fume dun progreso. Os nomes da terra falan de nós e fálannos. Cómpre escoitalos, sentilos, atendelos para que non os leve por diante nin a présa do AVE, nin a irresponsabilidade do Alvia, nin as falsas mans dos polígonos industriais como en Ribadelouro; para que non os esmague o piso das estradas, das autoestradas como aconteceu cos lavadoiros das tomadas, para que non rematen tatexantes nas unidades de coidados intensivos e logo disecados nos museos, oprimidos nos andeis dos vellos dicionarios ou no silencio das moas dos muíños. 

Os nomes da terra sofren atentados dos mercaderes, da cobiza da xente, cobiza que se vale, digamos, da imbecilidade da servidume-ilota, a imaxe daquela servidume pública propiedade, digamos, do estado espartano. E todo isto non é nada máis que un intento con rabia e pena de vos falar de foros, en que tamén dalgún xeito se paga por traballar e con anacos da colleita, como os que se celebran na illa da Toxa, que nunca será 'La Toja'; xa que, como Sechu Senlle, eu, nunca serei 'yo'. Ilotas da modernidade, servidume do progreso opresor, xente cobizosa de poder, fantoches, nada son. Ilotas. Fronte ao mercado: o río Toxa, a fervenza do Toxa, os lugares de Toxa en Pontecesures, Zas, Touro, Vimianzo ou Silleda, a Illa da Toxa Pequena e a Illa da Toxa. Fronte á ilota TVG, a dignidade non ilota de cada venres.

Mentres tanto, nós no mundo, coa fala dos camiños aprendendo cada día a respirar, a coidar do herdado até o esgotamento. Ás veces as historias semellan non mudar e que da épica teñamos que arrincar da terra cantos bárdicos para reclamar identidade; sorte nosa, sabermos da fouce da xustiza pola man, de non lle termos medo ao moucho, de cantarmos alboradas. Felicidade nosa, se Magdalena Gamallo lle pon música e interpreta o "Cántico dos Topónimos Esdrúxulos" de X. M. Álvarez Cáccamo, entón de felicidade a terra treme e nós tamén. Cando a terra treme, avisa. 

Comentarios