Opinión

Ocio e mentira

Case vinte e un anos, LV, da publicación en setembro en A Nosa terra da túa columna, 'Ocio', de total actualidade e que se pode ler nova edición do Libro das colunas (Editorial Galaxia).

Remata agosto e con el o verán para quen se rexe polo calendario escolar; volven as présas para non chegar tarde e os autobuses, a nova orde nos andeis das librarías e as ofertas para a volta a escola, a comprobación de como se bota corpo nas vacacións. Setembro é un principio de ano e hai quen realiza balance de como lle foi: deste vivir no lecer ou de traballar para o lecer. Ditamínase entón se se aproveitaron ben ou non as vacacións; doen os días perdidos, malgastos pola chuvia que arruína a festa, a praia e o negocio que non dá todo o esperábel. Rematan días de choio que contribuíron á economía familiar e, en moitos casos, comeza de novo a peregrinación laboral á que se somete á mocidade, á que ti xa te referiches; empeza unha nova etapa para os chiringuitos que co cambio climático alongarán a vida para goce do pobo orixinario (se é posíbel). Falaches do ocio do paro, das demais variantes do escravismo actual e, segue sendo así, quen che dá a acreditación de ter aproveitado ou non as vacacións é a industria do ocio, que che di todo o que hai que facer e é tendencia, desde onde viaxar até en que banco sentar. Porque nos tempos en que a intelixencia artificial esperta paixóns, mete medo ou respecto, a intelixencia humana sofre un proceso de robotización. Velaí, a vitoria do neoliberalismo actual, o manexo da intelixencia do individuo, a súa conversión en robot.

Nos noventa o filme de Bertolucci, O ceo protector, baseado na novela de Paul Bowles, explicounos a través da personaxe de Port Moresby a diferenza entre turista e viaxeira. Coa miña partida para Alemaña, LV, falamos do que nos marcara esta secuencia. Nesta historia non hai turistas que saben do seu regreso á casa; hai viaxeiras que poida que non regresen. A vida vai de camiñar e atravesar o ceo protector e caer no nada; de botarse a andar, para que o camiño entre en nós, como vellos peregrinos, sen rota pactada. As turistas coleccionan imaxes para mostrar, como os peregrinos coleccionan etapas seladas; hai quen merca falsificacións para conseguir a Compostella, como os turistas ou peregrinos que tiran a foto diante da catedral de Tui sen entrar nela. Porque nas empresas do ocio tamén che hai moita mentira.

En Compostela e, en Galiza toda, precisamos de turistas que nos queiran, que paguen os seus impostos, como facemos nós; en realidade, precisamos máis de viaxeiras que descubran a súa e a nosa identidade, cos pés na terra. Trátase do país que queremos.

Comentarios