Opinión

Obxectos de violencia

I maxino o rapaz dentro do armario, á nena detrás da porta. Pode doer o son forte cando se bate a porta con forza, sei da nena sentindo esa dor, cando o pai berra, cando lle di que se os encontra os vai matar. Ben foi que a súa ira non a descubriu cando o pai bateu con forza pola porta, a que a achantaba inocente. Sinto o seu medo cando descubriron as cadeiras con todas as patas partidas, como se fosen os seus ósos; ese pánico, cando tropezaron coa louza do chineiro que fora contra a parede, esnaquizada polo chan, como se fosen as súas cabezas e os seus miolos. Iso sentiron. Pasou hai anos no centro dunha vila nun edificio de catro andares, con tres vivendas en cada andar. Ese día, o derradeiro, eran as catro da tarde. Ninguén sentira nada. Ninguén acudiu cando berraron. Pola noite fuxiron o neno de 10 anos, a nena de 8 e a nai. Salváronse sen axuda. Imaxino a miña amiga despois de preparar o seu exame de psicoloxía da aprendizaxe ás catro da mañá na derradeira sexta feira do último agosto, cando vai durmir e oe chorar e un berro que tronza a noite, un chiar tremendo como se estivesen a matar un porco. Podo sentir ese berro como mo conta, como atina para marcar o número 062, onde lle contestan que irá a garda civil o máis rápido posíbel que, para todo o Baixo Miño, esa noite só hai unha patrulla. Segue escoitando os berros da muller, os berros deles, como mínimo dous, que lle din que se apure, que a levan a rastro, así o din, e volve vivir o pánico e o bloqueo que lle impide lanzar un berro que se una aos berros e choros da muller, ás súplicas de que a deixen, por detrás da liña de edificios de catro andares, algúns con máis de tres vivendas en cada andar, onde está a súa casa. Non hai luz detrás dos edificios, deberon ir para a vía do tren. A garda civil chegou uns corenta e cinco minutos despois e non encontraron nada. Ningunha denuncia nesta outra pequena vila en relación con esta violación que sentiu a miña amiga. A Concellera da Muller preocupouse, quixo ir ela mesma até o lugar dos feitos, para buscar, nada delatou o suceso, nin restos da dor. A miña amiga coa angustia no corpo segue preguntando como ninguén sentiu nada en toda a liña de edificios naquela noite escura en que rachou o silencio. Houbo quen lle dixo que viu un home empurrando unha muller desde a fiestra, mais pensou que era cousa deles. Houbo quen lle preguntou como sabía que a estaban violando. Entón pensou que debeu dicir que a estaban matando. Apareceu o cadáver de Martín Ezequiel Álvarez Giaccio asasino do seu fillo de dous anos. Unha mensaxe terríbel foi a que recibiu a nai do neno, separada do pai había pouco, deixáballe no hotel o que merecía, no cuarto debaixo da cama estaba o fillo que non se salvou. O fillo que o seu pai converteu en obxecto, desposuído de dereito á vida, en obxecto de violencia contra a nai. No Birloque na Coruña, na rúa un fillo atopou asasinada á súa nai, sobre as dúas da mañá. Conta como a primeira vítima por feminicidio en Galiza. Cando non sentimos, cando non vemos e cando calamos todo, convertemos ás mulleres en obxectos, sen vida, sen dereito á vida, portas que se baten forte, en noites sen luz ou ás catro da tarde. Obxectos de violencia.

Comentarios