Opinión

O sol

Este foi o ano en que, aparentemente, nos roubaron o sol. Ano de ollar a vida desde a fiestra, quen a tiña, de descubrir paxaros e, no mellor dos casos, aprender a nomealos: pisco, verderol, merlo, pega, lavandeira... De ver nacer as follas, as flores, a mudanza das árbores, seguir o ritmo do sabugueiro. Foi o ano de descubrirmos a veciñanza a través das fiestras, de ver o rosto de quen habitaba nas vivendas da outra banda do patio, das que daban aos xardíns, de contemplar quen erguía os ollos cara ao ceo para gozar dese sol que, aparentemente, nos roubaban. E chegou o verán e ceibáronnos e o sol estaba alí e foi como descubrilo na praia, no campo, nas raiolas entre os piñeiros.

Foi o ano do próximo, do de toda a vida, do que tiñamos máis á beira, de andarmos camiños que estaban cegos, de aprenderlles os nomes, no mellor dos casos... Podería ter sido o ano de aprendermos a nomear as cousas máis miúdas, de aprenderlles os significados, as cores e os cantos, na lingua de nós.

Podería ter sido o ano de facermos valer que o importante é ter saúde. Para termos saúde, hai que coidala e atendela, e a conciencia e o ben común debería de nos deixar ben claro, que a sanidade pública é o primeiro, que hai que defendela con uñas e dentes, que sen ela "non somos nada", ela é tamén o sol. Podería ter sido o ano de facermos valer que o ensino público de calidade é necesario, que non se lle pode roubar nin un céntimo e que a diminución do número de alumnado por aula chegou para ficar.

A xustiza está nesa educación para a comunidade, sen fendas virtuais, reais; un ensino que inclúa, en que ninguén fique atrás, onde cada neno, cada nena é un sol, un sol que non nos poden roubar. Podería ter sido o ano de facermos valer a importancia da investigación, do apoio á ciencia, de admitirmos que as vidas tamén se salvan coa aprendizaxe, de saber como é, como se comporta cada bichiño que nos ataca, que isto non é da noite para a mañá, que leva o seu tempo. Tamén podería ser o ano de aprendermos que non mandamos no planeta, nin no vento, nin na chuvia, que non está ben meter o fuciño onde non toca, nós, depredadores que non mandamos no sol.

Podería ter sido o ano do respecto, da importancia da comunidade, de agradecermos á vendedora do supermercado, á quen fai que o alimento chegue alí, a quen o tirou do mar e a quen o coidou na terra. Podería ter sido o ano de sabermos da importancia de quen limpa, de quen retira, o que non serve, o que pode facer mal. Podería ter sido o ano de valorar as soidades que se multiplican cando se escribe unha canción, un libro, cando se prepara unha imaxe de cine ou se pinta un cadro, tamén para falar co sol.

Ten que ser un ano que nos aprenda a importancia das nosas maiores, o valor da cada unha das súas vidas, o valor de cada unha das nosas vidas, que nada teñen que ver con eses números cos que seguen a abrir os informativos, competicións abertas entre os países do mundo, para sabermos quen gaña, quen vai primeiro en mortes. Cada maior que morreu soa tamén pensou algunha vez no sol.

Ten que ser, por forza, o ano en que cuestionemos a nosa vara de medir desde a nosa ollada eurocéntrica. A caridade non é xustiza. Que non nos poida a soberbia, queimados polo sol. Un brinde ao sol: saúde e terra.

Comentarios