Opinión

O mundo nos libros

No centro de reciclaxe de Tréveris fiquei pampa, hai un lugar para todas as cousas que renacerán coa reciclaxe e para as mortas sen remedio, como unha urbanización de contedores. Procuramos o lugar para tarteiras queimadas, roupa, mármore roto, táboas, plásticos, aparatos eléctricos e cabos. Ao ver tantos lugares con cadansúa indicación, lembrei o dito: máis rica é quen menos precisa. Se pensarmos no planeta: canto menos tiremos, canto menos precisemos, mellor lle (nos) vai ir. 

Entón decidín que precisaba entrar nun lugar onde se gardan as cousas. Non podía partir esta vez sen visitar a Biblioteca Municipal da Cidade de Tréveris, para me deixar envolver pola herdanza que recibimos dos libros, por esas páxinas que nos ilustraron, polas representacións do mundo e, sobre todo, para che contar esta visita, LV. Na biblioteca encóntrase a Schatzkammer, unha cámara de tesouros de verdade, cen obras da bibliofilia, manuscritos e textos impresos que forman parte da herdanza material de Idade Media, gardados coa temperatura adecuada para mantelos na vida. Por unha banda, entre os máis recoñecidos, por formaren parte do programa da Unesco, "Memoria do mundo", están: o Códice Egberto, da época otoniana, do século X, que contén as ilustracións máis antigas sobre a vida de Xesús nun libro, e o Evanxeliario de Ada, realizado entre o século VIII e IX, pola Escola Palatina de Carlomagno. Atribúese o seu nome de Ada á irmá do emperador. Pódese contemplar a cuberta de finais do século XV, encargada na Abadía de San Maximino, onde se atopaba o manuscrito. Por outra banda, pola súa transcendencia para a humanidade, polo que significou a invención da imprenta con caracteres móbiles, áchase o tesouro da Biblia de Gutenberg, de 42 liñas por páxina, con ilustracións e motivos en relevo que non están impresos, son obras asinadas por distintas mans que fan de cada exemplar unha obra única. O de Tréveris presenta o primeiro volume da biblia.

Pódense pasar horas nesta cámara, realmente sagrada, onde non se debería permitir a entrada a quen non valorase a letra e o libro; tampouco a quen profetizou a principios deste século que a publicación de textos na rede significaría a morte do libro. Longas discusións compartidas. Difícil elixir entre cen marabillas para che contar. De seguro, ías reparar na fermosa letra en maiúscula uncial no libro máis máis antigo da cidade de Tréveris, un códice que contén unha obra do bispo Quodvultdeus de Cartago; tamén nas ilustracións do Ciclo da Apocalipse de Tréveris ou na fermosura das cores na Biblia de San Simeón.

Chamoume a atención o coñecido como Consello de amor de Remiremont, en referencia á Abadía, primeiro de monxas beneditinas, logo de canonesas secularizadas, considerado un panfleto satírico en latín que cuestiona quen é mellor amante, o monxe ou o cabaleiro, ao que as Damas do convento responden que o monxe polas súas maneiras. Fiquei marabillada co único exemplar de Calendario de Peixes no mundo, dá conta da época de pesca das 27 especies de peixe nomeadas. O mellor na parte superior, un gravado en madeira de cores, que presenta dúas maneiras de pescar: nun lado, un home cunha nasa, no outro, unha muller con cana. Velaí, unha muller de antano, en que pouco se repara.

Hai obxectos que merecen vida eterna, falan sempre, mentres nosoutras reciclamos o saber.

Comentarios