Opinión

O ghuasap da parroquia

A miña parroquia chámase Mosende do concello do Porriño; limita coas parroquias de Chenlo, Pontellas, Ribadelouro (concello de Tui) e con Cela (concello de Mos). Os lugares son O Barbeito, O Caeiro, O Casal, A cavadiña, A Costeira, A Devesa, O Falcato, Figueiras, O Folón, A Levada, As Madorras, O Monte, O Regueiro e A Ruela. Hai moitos lugares dentro dos lugares: O Candoso, Beca, A Costa, A Foz, O Cortizo, O Pouso, O Lameiro, O Rabioso, A Centieira, A Leira do Lume. Hai quen pensa por que xa non é lugar, como foi toda a vida, a Centieira? Tamén dividimos o mundo entre Mosende de Arriba e Mosende de Abaixo, a marca haberá de ser a igrexa. Moita veciñanza aínda sabe do nome dos campos e dos montes: Barxela, Valiboa, A Devesa Vella, O Caeiro, O Carballo, Pomar do Conde. Hai quen aínda recorda que se facía nese monte que se chama O Calvario, ninguén debe saber nin a razón, nin quen, un día sen máis, comezou a arrincarlle a terra cunha man con dentes moi grandes, como dicía a rapazada; marabíllame que nunha aba do monte, aínda exista aquel buraco que fixo de fresqueira para gardar alimentos. Sábense os nomes dos montes comunais: A Mamaguda no Caeiro e o Salgueirón, onde está o nacente da traída de augas, a Cañota. Temos a nosa relación afectiva co territorio: son do Folón, o meu carreiro é o do Viñal, os meus ríos son o Folón, onde estaba o muíño do Carballo, e a Fervenza, co Cachón; a fonte é a Fonte da Raíña. Temos un cemiterio ao redor da igrexa, abeirando o torreiro, antes sementado de tumbas, e temos a parte nova, feita pola veciñanza. Festexamos con tres santos San Xurxo, o patrón, San Diego, que ten unha capela na honra dun peregrino morto camiño de Compostela, e Santa Leocadia, que tivo un convento de Monxas. Polo noso Camiño Real vai o Camiño de Santiago. Temos un campo de fútbol, para min sempre o Campo do Balón. Nunca me mandaron facer unha redacción sobre a parroquia na escola, nin llela mandan hoxe á rapazada. Na escola non se falou do Cine Salón Coliseo de Mosende, nin da volta nas súas motiñas cada sexta feira dos traballadores portugueses da fábrica do Piñeiro, nin das panadarías, nin das costureiras, nin de que Mosende é un segundo Brasil. Todos os días estou na parroquia grazas ao grupo de Ghuasap, agora discuten, se o Salgueirón é de Chenlo e se non andaremos a mover os marcos virtualmente. Somos 150 no grupo, que temos a parroquia, aínda vivindo fóra, como espazo vital, que nos gustaría regular con normas para aproveitarmos os seus recursos, administrativamente é a referencia máis real para organizarmos os servizos básicos. A parroquia é o primeiro onde se aprende a andar, a casa que se se estende, o primeiro que se debería aprender, a lingua que falamos cando a nomeamos en lugares, a pel que nos agarima, a autoestima. Cando abren sinal e cando no ghuasap da parroquia comunicamos quen faleceu, demostramos a colaboración entre tradición e progreso. Cando comunicamos a dor dunha morte, a alegría dun trunfo, desde Zürich a Dakar, se marcha a luz ou cortan a auga, funcionamos. Un mestrado de retranca diaria, que cabrea e fai rir. Cando escribimos entre todas e todos este texto: Funcionamos. Somos e seremos escola no des-confinamento.

Comentarios