Opinión

Nós: A nación que nos botou, a nación que nos criou

Somos herdeiras daquela muller que debeu tomar a xustiza pola man


Somos herdeiras daquela muller que debeu tomar a xustiza pola man, herdeiras e herdeiros da cabeza que pensou nesa muller, da súa estrela e do cantar do seu bico. Somos herdeiras e herdeiros de quen defendeu, escribiu e pensou que a vaca é o símbolo da paz, quen dixo que o día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura. Herdeiras de Celsa RI que se aforcou en 1974, pescantina viúva que aos corenta e cinco anos xa era vella, herdeiros de quen se acordou dela. Sabemos que aramos sobre os mortos nesta terra, sobre as mortas, que o noso pan ten un sabor de ósos familiares. Somos e eliximos ser, como a poeta que sabía da dor de pronunciar esa palabra, porque por ela nos mataron en Alexandre Bóveda, nos volven acusar cando ousamos pronunciala: Galiza. Por ela, lévannos á audiencia nacional, cuestiónannos e non nos calan. Por iso somos esas mans que van unidas e traballan, que meten papeis con nomes que son os nosos nomes, os de tod@s, en sobres, que os levan polas portas cun sorriso, somos quen vai coa música na rúa para lembrarnos que temos dereito de soñar, que soñar non é unha idea morta, mais nós queremos coa forza e a ilusión que se fagan realidade, queremos falar desde Nós, por Nós e para Nós. 

E fomos ficando sós, o mar, o barco e mais Nós, lonxe desa opereta madrileña, da comedia da televisión diaria, de guións ditados por outros e pronunciados por personaxes alleas e alleeiras

E fomos ficando sós, o mar, o barco e mais Nós, lonxe desa opereta madrileña, da comedia da televisión diaria, de guións ditados por outros e pronunciados por personaxes alleas e alleeiras. Somos Noa Presas, falándolle a unha pita e con ela, facemos moitas cousas por vez primeira, coa ilusión e intelixencia, como ela sabemos que na nosa cona, as nosas regras. Somos Olalla Rodil, de ollada limpa e sabemos do fermoso que é o país desde o Pía Paxaro e avistamos Trevinca, Manzaneda, as serras de Lóuzara, do Rañadoiro, mais sabemos da riqueza de Nós e do espolio de Nós, temos a razón na palabra. Somos Carlos Callón e sabemos da lingua que nos ama, nos inclúe e nos constrúe e de que a forza de tanto amor non pode ser inútil. Somos Carme Adán e temos esa maleta disposta para falar en Madrid e cada camisola que metemos nela é a nosa pel, porque nelas van gravadas en letras o noso día a día, o noso futuro cando berramos non á LOMCE, cando afirmamos o noso dereito a vivir na nosa lingua, cando defendemos a sanidade pública e hospitais axeitados e non negocios lucrativos, cando dicimos que queremos vivir con dignidade a enfermidade, cando defendemos os nosos aforros, os dereitos de retornar de tantos anos de emigración. Disto vai a vida e moi en serio, cando dicimos que queremos traballo digno e na nosa terra ou cando berramos contra os desafiuzamentos, cando falamos de feminicidio, cando lle damos contido ás palabras.

Somos eses, esas, de quen veñen falando estes días en debates e en comedias, falan de Nós, quen non nos vota, mais recoñece o traballo din de vinte anos para dicir a pena que dá que se Nós non estamos Galiza non estará no Parlamento. Nós sabemos, Irmás, Irmáns da Fala, que van moito máis alá de cen anos. A eles a elas, que non nos votan mais que din que nos van sentir en falta, dicirlle que o can de palleiro, presumir como galegos e se chove que chova, son só iso, moi bos anuncios publicitarios, para contentar sen rebeldía, que iso é o que lles cómpre. Somos así, como tamén nos din, non eliximos ese bando para nos facer ricos, por iso nos din: son xente con ideas. Somos Nós, así, herdeiras e herdeiros da nación que nos criou, da nación que nos botou.

Comentarios