Opinión

Nós, na Gran Mazán

Todas as cidades e os lugares máis pequenos teñen un punto neurálxico; un punto nesa articulación de vértebras, do rueiro, da espiña dorsal que se converte en paseo obrigado, en sala aberta ao mundo. En Tui ese lugar, paséase, vívese, como en moi poucas cidades que coñezo. En Tui aínda pensamos camiñando; Corredoura arriba, Corredoura abaixo, arranxamos o mundo, somos cidadanía peripatética. Aínda pasamos o exame -aprobamos ou non- de quen ocupa os bancos, de principio ao fin, todas as tardes, de quen os deixaba libres os domingos para que, só nese día, viñese pasear a aldea que traballa.

Aquí temos a nosa gran mazán, cos nosos dialectalismos, co noso ritmo de vida de non andar ás présas, con horarios comerciais máis acaídos para reivindicarmos a preguiza e o dereito á lentitude, para saborearmos cada raiola de sol, para nos deleitarmos nas noites de verán até que chegue a alba, para vermos a cara de abraio de quen vén de fóra e non pode entender ese xogar, esa alegría nouturna da rapazada pequena até ben entrada a noite. Aquí, as horas do café poden ser todas e moitas horas se poden botar nos cafés. Eu vivín neste punto e sei do que falo. Teño o meu café preferido do mundo nesta gran mazán, chámase La Gran Manzana, poderíase chamar The Big Apple e quedaríalle ben. No seu interior nunha parede pintada, sobre a cidade The Big Apple, un home toca o saxo, en primeiro plano, e a ponte internacional que atravesamos tantas veces, conecta eses enormes rañaceos coa cidade de Tui, coa catedral no fondo. E isto é así, esa conexión existe, sen complexos.

Aquí, Aquilino, pon a mellor música para cada momento e Mónica atende no meu galego, o de Mosende. Aquí teño asistido nese silencio educado de estar na mesa do lado, a magníficas conversas, en faladoiros diarios, pola volta das once da mañá, teño aprendido moito dese grupo de homes e das súas múltiples lecturas, poño a orella, escoito e resisto e non falo, feliz como espectadora silente. Este café salvoume da morte por tristura e deume a vida, púxome a andar nas mañás para tomar rumbo. Aquí, lin, escribín e sufrín o pánico ao espazo sen caracteres que arquivar. Aquí, vin crecer Tamiru, Mónica, pequena, e Carmen. Aquí chorei mortes e celebrei vidas. Aquí gardan as chaves da miña casa, imaxe da miña ausencia. Aquí o transcorrer do tempo márcao a xente de todos os días, co seu entrar e saír: comerciais, traballadoras da banca, funcionariado dos xulgados, mocidade co primeiro pasaporte, o grupo do dandi, as vellas misias e Damas do Anel para xulgaren todo e poñérense estupendas e quen quere rematar o día cunha boa conversa. Aquí lense xornais e fálase das novas dos xornais.

Este café situou Nós, Diario, na gran mazán, fala sobre as novas de Nós, que non están noutros xornais. Introduce Galiza na conversa dos mellores faladoiros, no debate, nos xuízos, visibiliza a lingua galega, sitúaa no punto neurálxico, conectanos pola ponte coa The Big Appel, mostra a nosa identidade a quen vén de lonxe e vai de paso, sen complexos. Sen complexos, se está Nós, estamos máis felices, na mellor compaña, coa mellor música e co mellor café na Gran Mazán.

Comentarios