sábado 19/09/20

Nós, Máis Alá

Comezamos a dicir que non hai tempo, que o ano xa voou, e perdemos a infancia. Cando observamos a rapazada correr para chegar á hora á escola, aos patios do recreo, ás “actividades”, aos vestiarios dos pavillóns deportivos; comprobamos como estes nenos e nenas van marcando as horas e os días do mes con exames, probas e traballos; cando un día comezan a dicir que non teñen tempo, é que algo estamos facendo mal, é que lles estamos roubando a infancia.

Somos persoas presas polo tempo, perseguidas e atrapadas en minutos e segundos. Vai todo tan rápido que un día, axiña, espertaremos e as cidades e as vilas en que vivimos estarán cheas de vivendas con baixos baleiros onde non terán sentido as palabras: “alúgase”, “véndese”. As tendas de roupa, as de teas de cores, as ferraxerías onde atoparmos os parafusos, os cravos de todas as formas, as queridas librarías, a fotocopiadora do barrio, as panadarías, as tendas de todas as esquinas, un día non estarán nos baixos das nosas vivendas. Xa non poderemos falar nin con Patricia, con Gloria, con María, con Ro, nin tan sequera estarán as súas tendas de roupa para que te atrevas a entrar, probes con cara inocente e ocultes a túa culpa cando marches e sen que teñas que chegar a casa, xa merques, a non se sabe quen, a prenda ou os zapatos que probaches e que tan ben che sentaban, por “internet”.

Como por misterio, as aldeas estarán aínda máis perdidas, máis sen xente e naquela casa de turismo rural tampouco haberá unha persoa para che dar as chaves, non fará falta, xa tes unha chave electrónica para abrir. Como por misterio, nos primeiros tempos, as cidades e as vilas, vivirán ao longo dun camiño, acudirán persoas de paso, case vestidas igual e con chagas nos pés, camiñantes coa fortuna de teren vivendas por días. Até que alguén invente outro destino de aventura, renovación espiritual e quen sabe se felicidade. Entón, caerán definitivamente e de abandono as casas das zonas monumentais, desaparezan bares, cafetarías, lugares de xantar. Todo che entrará pola porta, se tes casa, como esa comida por encarga. Todo virá en catálogo, fechándonos e escravizándonos na nosa profunda soidade.

Contra todo isto, Nós, é: un xornal diario, unha arma, unha luz de humanidade. Un xornal que fala de Nós, un xornal que somos Nós, un berro, unha chamada de atención. A identidade. Contra isto, Nós vai Máis Alá, convídate a perderte sen tempo por fragas e regatos, para escoitares e aprenderes a fala dos camiños. Nós entra na túa casa para convidarte a saír á rúa con roupa de domingo, coa túa lingua, para sentar na praza e ler, de vagar, coa caloriña do sol. Contra todos os catálogos, estas páxinas, froito de amor, paciencia e esforzo, son unha revolución no tempo de hoxe. Nós vai Máis Alá, contra os catálogos internacionais, contra os mobles e artigos en serie, contra o traballo escravo de quen empaqueta e se converte en mercadoría. Nós é a túa, a nosa voz, a de Sonia, a de Carmela, a do futuro da rapazada, a da Xeración Nós, a de Nós, as inadaptadas. Obrigada por me teres nas túas mans, multiplica esta revolución.

comentarios