Opinión

Negra por elección

É Xela Arias quen titula este artigo, un verso que me abeira e nada inocente. Procúrenlle contido que as acolla e lean a autora que se puxo á intemperie. Todo vai rápido, a conexión a rede marca a axenda oculta, a axenda política “imposta” que indica á que revolución hai que apuntarse e sitúa a nosa ollada máis alá e mar por medio. A morte de George Floyd impresiona, o xeonllo de Derek Chauvin esmaga, a instigación e complicidade de Thomas Lane, J. A. Kueng e Tou Thou indignan. Cando Floyd advirte que non pode respirar, é a persoa cuxa vida non ten valor para quen o afoga, que non ten o mesmo valor que outras vidas para o sistema en que vive e en que vota. Dóenos esta realidade, mar por medio, mesmo se nos enche a boca falando da inxustiza e do racismo. A verdade é que Donald Trump desde que atravesou o mar coas súas primeiras aparicións públicas non deixa de nos entreter, ben coas súas declaracións sobre as persoas migrantes, o muro para impedir que cheguen máis, a negación do cambio climático, a súa visión especialista sobre a COVID-19; habería que engadir moitas posturas que non o fan tan pallaso como o asunto da lixivia, como é a súa visión sobre o dereito universal á sanidade, a oposición ao aborto e a súa defensa da pena de morte ou de métodos de tortura cos mesmos fins que os da inquisición. Trump, o misóxino, está aí acusado de abuso sexual en varias ocasións. Nas eleccións gañoulle, fronte a moitos prognósticos, a Hillary Clinton, a muller sucesora de Obama como candidata. O pobo de Estados Unidos elixiu un presidente negro, e esta imaxe fixo bailar a África, máis tarde negoulle á presidencia a unha muller, que continuaría a política de Obama, e votou a Trump, que fixo campaña e dixo moitas cousas xenófobas e misóxinas. O racismo, a misoxinia a imposibilidade de respirar están aquí na nosa sociedade, ten que ver coa ollada que lle nega os mesmos dereitos a outradade, a condición de persoa. O medo de máis vale malo coñecido que bo por coñecer desconfía de todo o que vén de fóra. Máis preto e agora, os campos de algodón son invernadoiros de morangos, os barcos negreiros tamén cargados de galegos, son hoxe “pateiras”, o Mediterráneo énchese de cadáveres e poucas vidas teñen a repercusións de Elian, o neno balseiro. Non forman parte da nosa axenda política os bunkers onde a carne das mulleres, negra e branca, anulada a súa vontade, é mercadoría, por unha trata que aí segue. Non reparamos nestes comportamentos do noso día a día, en que unha criatura adoptada en Etiopía, ten para moita xente máis dereitos, que a rapazada das familias de Marrocos ou das chegadas doutros lugares de África, despois de todo a adopción é para esa mesma xente un acto de caridade. É fácil ver o alleo, o xenocidio xudeu, as atrocidades nazis e descoñecer, ocultar e negar o franquismo. Pois ben, no parlamento español, elixidas por quen votou, está Vox, que leva no seu ADN, todo o que representa Trump. Movámonos, para que o 12 de xullo estea garantida a democracia á hora de votarmos, nunhas eleccións que agora non se terían que realizar.

Comentarios