Opinión

Nación

Nación é unha palabra importante como nacer; sae das entrañas e sobe á boca, dámoslle voltas no padal, para que se produza unha simbiose e sermos: Eu+Nación. A expulsión é o parto, un NÓS colectivo, un parto de mulleres (si), pronunciar: NACIÓN. 

Dunha construción colectiva, desa nación, traballada e fanada, parida das e por mans de mulleres, fálame o filme dirixido por Margarita Ledo Andión que pronuncia NACIÓN. Fálame e esperta a miña infancia, lévame ás mulleres traballadoras, da xeración da autora ou un chisco maiores, aquelas mozas felices da miña aldea que eu vía baixar do autobús da fábrica de Álvarez que saía de Tui e paraba diante da casa da miña avoa para que subise o meu primo, logo na parada das Madorras subían Dalia e Carmen. Eran moi felices as mulleres que traballaban na aldea e tiñan un soldo, mulleres que fuxían da escravitude do campo que non daba nada, que rachaban o destino de casar ou quedar na casa para coidar ou emigrar, mesmo as que se botaron ao traballo cando as súas criaturas xa podían valerse quedando algunhas horas ao cargo da veciñanza ou das familiares que estaban na casa. Eran e son moi felices as mulleres que teñen un soldo, máis felices aínda se o que cobran é o xusto e se lles valora como a eles, os homes, polo mesmo traballo. Por elas, por todas as traballadoras, que enredaron co caolín e lle deron forma e o fixeron florecer en louza falaron  traballadoras de Pontesa, daquel tempo feliz, que a Nieves Lusquiños o traballo lle regalou a liberdade da que gozaba co seu coche un Dyane 6 amarelo e, o máis importante, aprender a defender os seus dereitos, entre eles: traballar gratis nunca. Que marabilla de muller!

Nación é unha palabra que vai desde a muller soa que olla e canta ao mar, creadora de cultura popular, de lingua, até a que agarda nun xuízo que nos lembra que o caso GEA (Grupo de Empresas Álvarez) aínda non está fechado. Polo medio as mans que dan nacencia ás latas de conserva, tamén as que  protestan contra a garda civil e o mundo por lles arruinaren a terra e a vida, poden ser as mulleres das Encrobas. Ten espazo o berro descarnado, fronte á tiranía relixiosa ou do patrón, dono de vidas e corpos; berro, avance ao limpar camiños e segar; Nación, palabra liberadora, nosoutras multiplicadas debaixo do seu manto, se entramos na porta da esfinxe.

O filme lévame tamén ao tempo da rega, onde a poesía se funde coa mensaxe como os pés na terra, con toda a liturxia da auga que lava até o descontento todo, alimento que vai como mensaxe polo rego no corpo dunha mazá. Traballos que é preciso coñecer para poñer en valor, como canta unha nena, que recibe lingua e pan en herdanza, que aprende a debullar o millo, arte, aínda que doan os dedos, se non botamos man dun carozo para o facermos con xeito. Para min despois da cea era un pracer debullar co pai, como era antes  descubrir a mazaroca e verlle a cor.

Comprenderedes entón a miña emoción particular co filme, eu que un día nun mercado na porta da casa atopei e merquei unha vaixela de Pontesa co escudo de Galiza. Dor de sentir Galiza en louza ou en granito esnaquizada polo mundo. En nosoutras está, reconstruír, segar e andar camiños: Nación.

Comentarios