Opinión

Na Lama

Cando es pequena xogas na Lama coas botas de goma aínda que che berren. A Lama é esa superficie amolecida para esculpires coa cabeza, coas mans e cos pés. Cando a chuvia escampa e a lama reseca, alí fican as flores que inventaches no camiño. 

Cando se é grande hai quen vai contente ao traballo, mesmo quen entra na Lama feliz,  con zapatos novos e con roupa de domingo. Hai quen, aínda que con atrancos, realiza o seu labor sabendo o que ten que facer e crendo no que fai, como coas botas de goma. Ás veces esa Lama de nena pode identificarse con ese pequeno concello da Lama, con menos de tres mil habitantes e situado na serra do Suído, con paisaxes que debuxa o vento e a chuvia, tamén na Lama. Un lugar que merece ser querido e que tivo moita sorte cando hai vinte e tres anos chegou para traballar como auxiliar da biblioteca, Cristina Villaverde Ruibal, licenciada en Xeografía e Historia, especializada en arte moderna e contemporánea, cun currículo que lle acredita coñecementos en documentación, catalogación de arquivos e en múltiples aspectos de biblioquetonomía. Unha muller que seguiu formándose para aprendelo todo e desde o Servizo de Información Xuvenil, outra das ponlas da súa actividade, converterse socialmente nunha persoa moi aprezada e valorada, que entrou na Lama para darlle a importancia que merece á mocidade do concello e levala polo mundo adiante de intercambio con mocidade doutras latitudes; desde a OMIX (Oficina Municipal de Informacion Xuvenil) asesorou e coordinou actividades e proxectos de mobilidade xuvenil. O terceiro pé da súa actividade foi situar o concello da Lama no mundo, xa que ademais de presentar relatorios en congresos relacionados co patrimonio cultural do concello, é fundadora de A Pedreira, Revista cultural e informativa do Concello da Lama, da que é directora e editora. Biblioteca, mocidade e revista, son as flores que creceron da cabeza, das mans, dos pés desta muller, que se poden ver, se lle damos valor ao que somos e ao lugar onde somos, como ás flores cando a Lama reseca.

A ela, con sesenta e dous anos de idade e con máis de vinte e tres como persoal laboral é a persoa á que, cinco días antes da entrada en vigor da lei “Iceta” que convertería o seu contrato en indefinido, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra lle anuncia a convocatoria da (súa) praza de Auxiliar de Biblioteca no concello da Lama. A Ela, como a tantas persoas, moitas mulleres cun currículo impresionante e cunha capacitación superior que, aínda así, alimentan con empatía un traballo en precario, como tantas veces, convocáronlle a praza para que a leve outro. Do primeiro exercicio ideado por un tribunal formado por membros de concellos gobernados polo PP, só pasaron o outro e mais ela, nun exame con preguntas que ao outro candidato á praza e á alcaldía de Ponte Caldelas polo PP, responsábel de prensa no concello da Lama, lle viñeron moi ben pola nota obtida. Procuren na prensa. 

Pensei en quen tira do carro e nas moscas da Lama que cheiran o sal nos ollos e o doce no padal.  Vino de pequena no carro coas vacas. Canto máis feble se está máis choran os ollos e máis se azucra o cuspe. As moscas da Lama non pousan no rabo do ollo, entran no ollo; non se pousan nos beizos, entran na boca. Detrás da corrupción hai persoas honradas e Rueda ten obriga de espantar as moscas da Lama.

Comentarios