Opinión

Mollar os pés no rego

De rapariga aprendín que a auga non ten prezo. Debuxaba círculos nos lavadouros das Tomadas, cantaba nas quendas para botar a auga entre o millo, fluía silenciosa pola canle do muíño do Carballo. Na casa-muíño, no Seixal, onde meu pai tivera o seu cuarto de mozo, eu adormecía e pasaba horas a ollar a auga que me abanaba e entraba polo buraco no baixo da vivenda; marabillábame o viveiro de meixón, tanta vida minúscula. Infancia chea de auga atravesada polo circuíto das moas e revificada no Folón, entre os lugares do Cachón e da Fervenza. Sabiamos que cada fonte era un tesouro, a da Raíña, na Devesa, non secaba nunca. Botar coa corda o balde no pozo e facer bailar a roldana era ser maior e ver a túa face no espello da auga entre o marco do cinc, unha descuberta. Mais ese buraco na terra ao que só baixaba o poceiro era un perigo e non podiamos arrimarnos a el; dentro vivía a vella que se te enganchaba coa súa gadaña xa non volvías máis. Este era un dos perigos da auga, entrar no pozo, o outro bañarte no Miño, sempre, iso dicían, todos os anos levaba algún afogado; como o mar, o Miño, quería as persoas valentes. A auga e os seus xeitos de chover non che podía facer mal ningún, como moito unha treboada, un lostrego que te podía partir, iso pasara algunha vez. Os furacáns, os efectos do mozón, a terra seca, con fisgoas, os seus tremores, os maremotos e as súas vítimas, sobre todo as súas vítimas, estaban moi lonxe; vítimas irreais, de dentro da televisión, do país do telexornal, sobre todo, moi pobres, iso pensabamos. Non concibiamos máis para alterar a paisaxe que o asulagamento da veiga na enchente do río, nin máis violencia ca un vento forte a arrincar algunha árbore ou levar as tellas.

Xenerosa era a auga connosco e en Europa. Nunha infancia cos pés no rego, para refrescar, entre abundancia e pouca seca, en agosto, cando se di do parir das augas, podía cansar o pozo, entón estaba a fonte e logo viñeron as dúas traídas na aldea. A auga era un tesouro, nunca ía acabar.

As enchentes da Mosela, do Reno, do Danubio ou da Elba forman parte do atractivo turístico en parte das vilas e cidades cos pés nas súas augas, nas paredes das casas lese a data e á beira a liña que alcanzou o desbordamento do río. Como pode ser que nada puidese prognosticar a chuvia e a súa violencia do mes de xullo? Incríbel a desaparición de aldeas, a mudanza da paisaxe de Kordel, imaxes de casas levadas nas enxurradas como os inocentes sacos de area que debían ser unha barreira fronte ao desbordamento. O femoso río Kyl creceu oito metros e levou enriba do tellado á xente deste país rico, que se salva coa chegada do helicóptero, a xente que non se salva, a xente que nin se sabe, dentro do telexornal. Hospitais, escolas tardarán en volver funcionar. Hai quen xa non volverá abrir a tenda, traballaron e teñen para a xubilación. Outras cos pés na lama saben que van botar a andar, hai axuda. 

No xornal die Taz leo do movemento das Mulleres Auga na rexión de Bundelkhand (a India) contra a seca, constrúen futuro.

Enténdese que o cambio climático, o compromiso co medio ambiente e cun modo de vida sostíbel sexa o debate fundamental para as próximas eleccións na Alemaña.

Comentarios