domingo 05.07.2020

A miña avoa Benedicta e o pano do bulso

A miña avoa Benedicta naceu en 1905 na Quinta de San Xoán en Mosende onde os seu pais chegados de Vilar de Crecente traballaban de caseiros, dela aprendín como ía o mundo, de homes e mulleres e da inxustiza. O dono da Quinta obrigaba os homes a asubiar e as mulleres a cantar mentres vendimaban para se asegurar de que non lle comían nin unha uva, nin os bagos que caían ao chan. El vixiaba esta dupla e diferente explotación. Foi a miña avoa Benedicta quen me convenceu da importancia de levar sempre un pano de bulso, se non había bulso, no puño da chaqueta. Levar un vulto na manga indicaba que xa eras unha rapariga grande e cando se é pequena quérese ser grande. Ese vulto, o pano, era o implante necesario para sobrevivirmos, a prótese equivalente á que hoxe nos converte nun cíborg. Eramos criaturas-pre-cíborg sen sabelo. Houbo un tempo en que non levar un pano de bulso cando se saía da casa era como ir perdida. Esa prenda pequena que se lavaba e pasaba a ferro dun xeito especial, xuntando ben as súas puntas, que se gardaba no caixón da mesiña e debaixo da almofada para durmir, sempre á man; ese prezado anaco de tea, servía para todo, para envolver os cartos atados na vida e para manter a boca fechada da persoa defunta na morte. Era un talismán acompañaba, a man da miña avoa na manga da chaqueta, a miña nai debaixo da almofada, a miña tía Julita nas dúas pesetas para o cropán. Naquel bailar do pano cando se pasaba a ferro, naquel dobrar, había moitas leccións silenciosas de como ía o mundo: os panos máis grandes eran os de home, dobrados de forma cuadrada; un pouco máis pequenos, dobrados en forma triangular, os de muller, e outros máis pequenos, dobrados cuadrados, para os nenos, e en forma de triángulo, para as nenas. O pano de bulso dicía moitas cousas e del tamén podiamos dicir: falarmos da finura da súa tea, se era ou non precioso, se levaba as iniciais bordadas. Había clases de panos e persoas. Cando traducín o libro Atemschukel ('Randea do alento') de Herta Müller, a imaxe do pano fíxose poderosa, uniume á personaxe de Leo Auberg e a nai rusa, uniume a Oskar Pastior e á fermosura ferinte dun pano de batista na desolación e na fome, a Herta Müller escribindo desposuída do seu espazo nunha escaleira na fábrica. Cando a escritora recibiu o premio Nobel, foi a frase diaria da súa nai, a que fiou o seu discurso: levas un pano? Un pano de bulso é ese amor incondicional do que nunca se fala nin en tempos da miña avoa, nin nos da nai de Herta Müller. Cando vin O que arde, emocioneime moitas veces, unha árbore antiga e sabía detén a destrución, protexe; unha muller maior e sabia, como a miña avoa Benedicta, detén a violencia na aldea, é o respecto. Unha nai, como a miña, pregúntalle ao fillo cando chega, “Tes fame”. Unha frase así mantennos con vida, é o pano de amor, o talismán. Unha frase así, unha lingua así, un pano así, unen emocións e atravesan fronteiras. Cando Benedicta Sánchez recibiu o Goya á mellor actriz revelación, o pano na manga da chaqueta, foi a rebeldía de todos os panos do mundo rachando fronteiras, a dignidade.

A miña avoa Benedicta e o pano do bulso
comentarios