Opinión

Millán Otero, compañeiro amigo de Nós

Celebramos un Nós colectivo, como pobo, que se materializou hai cen anos nunha revista que cnos situou no mundo sen complexos. Con intelixencia e pensando nun proxecto colectivo actuou o noso compañeiro amigo, Millán Otero. A dor da súa perda non se pode afastar destas palabras, homenaxe, co fondo da celebración neste Nós, Diario de Nós. Somos un elo nesa cadea de sementar palabras para termos alimento, nesa cadea está Millán Otero. Somos da xeración que nace coa OLP, coa UPG, cando Mafalda rompe a falar e cando Pippi Mediaslongas anda polos vinte e todas estas cousas marcan. Somos daquela promoción de Filoloxía Hispánica, sección galego-portugués, que reivindicou poder traballar con literatura galega nas aulas de crítica literaria de Darío Villanueva, tiñamos moi claro o tema da lingua.

Eu non tivera aprendizaxe, o da lingua víñame da aldea, non había cuestionamento político. Eles, elas, sen o saber, Millán, Manolo Rei, Lasi, Chus, Goretti, Elias, foron quen me aprenderon e eu seguíaas atenta. Millán Otero fixo moitas cousas ben, traballou moito, sempre o fixo, na fundación dos Comités Abertos de Facultade, daquel tempo fermoso das mimosas. Foi un estudante brillante. Cando rematou a carreira decidiu ir polo país de profesor de lingua e literatura galega, lembro ter falado con Manolo Rei, desa necesidade de sementar, de traballar para mudalo todo. Iso queriamos, mudalo todo.

Ás veces, no ensino temos a sensación que dá volta o que xa mudaramos. E esta maldita pandemia colabora coa perda de dereitos e evidencia esa necesidade da defensa do ensino e da sanidade pública. Comprometido sempre Millán, coherente, participou activamente no sindicalismo desde a UTEG até á CIG, e formou parte da dirección do instituto de Moaña en que traballou. Tiña unha capacidade de organización impresionante. Estudoso da nosa literatura, agudo crítico literario, sempre me deu pena que non tivese máis tempo para dedicarse a escribir sobre literatura, para poñer nun papel as súas análises profundas das palabras e dos textos.

Deixou un artigo publicado en A Nosa Terra, en 1994 que mudou a lectura que até aquela tiñamos feito de A esmorga, cando explicou que: “O Milhomes non tiña navalla”. Proba da profundidade de todos os seus traballos, a nada se entregaba con superficialidade. Colaborou na redacción de libros de Lingua e literatura Galega para o ensino secundario (Consorcio Editorial Galego) e na Historia da Literatura Galega (AS-PG). Descubriunos o xornalismo de Johán Carballeira. Compañeiro da Asociación Cultural, o Galo, foi el quen dixo: “De Prisciliano a Quiroga Palacios, a igrexa galega de costas ao país”. Foi alcalde de Moaña polo BNG desde o 2003 ao 2011 e celebrou a mocidade e apoiou a Ledicia Santos Paz, alcaldesa de Moaña. Millán é sempre poeta, desde Este é o tempo do sal até As cinzas de Pasolini. Millán é o compañeiro de vida de Chus, é pai de Lenia e Nastia e queremos mandarlle todos os nosos abrazos, coa dor máis grande dos non abrazos. Millán, compañeiro amigo de Nós, sentimos unha navallada moi funda no corazón, mais seguiremos.

Habería de gustarche que cho dixese: Que a terra che sexa leve

Comentarios