Opinión

Mercedes Losada ou como manter a memoria

Todas as vidas teñen unha historia, tamén as que pasan desapercibidas coa súa morte. Teñen historia os fillos e fillas das persoas que viven na memoria da pobo, presenza no relato da identidade como nación. Unha vida con historia é a de Mercedes Losada Espinosa, falecida hai uns días en Pontevedra e con 98 anos; filla de Mercedes Espinosa Cervela, da Estrada, familiar de Marcial Valladares e de Antón Losada Diéguez, un dos ideólogos da Xeración Nós, quizais o menos coñecido, o seu nome está en pequeniño nos libros de texto de galego, os únicos que seguen contando, de xeito transversal e dependendo do profesorado, a historia de Galiza en cada ano escolar. Volvín ler unha entrevista de X. Enrique Acuña no semanario A Nosa Terra en que Mercedes Losada, retratada na compaña da fotografía do seu pai, nolo lembra no seu 75 cabodano. Losada morreu cando ela tiña seis anos, a súa nai quedaba a cargo de sete fillos, catro que naceran despois de Mercedes. O máis vello era fillo da súa irmá, Albina, primeira muller do pai, que falecera da tifo. Mercedes transmite a memoria das súas vivencias co pai, e as imaxes véñennos á cabeza: a nena que corre pola Praza do Teucro cara a el, que dá aulas no Instituto en Pontevedra, a que non pode facer ruído cando está reunido no despacho, a que recibe feliz o seu primeiro paraugas, que lle trae cando volve dunha viaxe coa polifónica de Pontevedra a Madrid, a auga fría tan cedo na praia de Domaio. Recibe a memoria que lle transmite unha nai moi culta, que sabía ben o que era o galeguismo, que lles falaba do pai e lles ensinaba o retrato todas as noites, que cando ían para Moldes, a aldea de Boborás onde está o pazo da familia paterna, ao pasaren por Cerdedo, lle sinalaba un balcón desde onde dera un mitin. Sabe Mercedes que despois do 36, a nai "enfriou os comentarios", di, "a guerra liquidouno todo". Nese todo está a vida do seu pai que ela nos quixo transmitir coa constitución da Fundación Losada Diéguez. O 36 tamén liquidou a súa propia actividade galeguista na época da República.

Que acontece cos nosos obxectos cando se morre, cos de Mercedes? Onde van os xoguetes ideados por Castelao para Miguel, o irmán de Mercedes? Onde os argumentos de Xosefa Iglesias Vilarelle, para expurgar, por mandado do pai, a biblioteca dos libros que Mercedes e a rapazada non podían ler? Que acontecerá con eses obxectos que contan a súa vida de traballadora como asistente social no Hospital Clínico de Santiago, na factoría de Tafisa ou no Instituto Social da Mariña? Mais, sobre todo, onde vai a historia que contan? Os obxectos pasan en herdanza, mais o relato, a memoria de Mercedes, a nosa, en cada cousa que conta e nos conta, pérdese; como o sentido dunha conversa que muda de boca en boca, como a conversa que deixa de ter sentido. Vénme á memoria a caixa de música de Mariví Villaverde, roubada polas monxas que lles mudaron ás bailarinas o tule das saias polo pano do seu hábito, que ela recuperou no regreso do exilio e que nos contou. Penso no interior das casas que se venden, que se baleiran para alugar, penso en todos os relatos que se tiran ao lixo no interior das cousas, na memoria expurgada.

Comentarios