Opinión

Melina

Cando tiña dezaseis anos chegou de sorpresa de Venezuela a miña curmá María e con ela a Caracas que miña nai contaba desde o seu baúl e o da tía Beatríz que abriamos para airear e ceibar as historias que se agachaban no seu interior. Chegou para converterse na miña irmá maior que vivía lonxe e para tomarmos todas xuntas ese café guarapo que miña nai aínda fai hoxe. Despois viría a miña curmá Beti e volvía ser como se nos coñeceramos de toda a vida. Co meu primeiro soldo fun a postal de nadal que tamén entrou de sorpresa na casa de Caracas, para coñecer a miña tía e tíos, a familia de todas as nosas sobremesas. Miña nai e miña tía conseguiran manter esa relación coas cartas que ían e viñan, coas postais máxicas do nadal, até finais dos oitenta non tivemos teléfono en Mosende; gora falamos pola rede e as dúas irmás rin, mentres as fillas e a neta nos emocionamos cos seus diálogos. Aquelas cartas que se lían en voz alta, nun e no outro lado do Atlántico, consolidaron o trato familiar, ese podermos durmir todas xuntas onde cadre se é preciso. As curmás crecemos co ruído de fondo da máquina de coser, dun e doutro lado, entre os nosos galanos preferidos están os retallos de teas que nos unen. Unhas veces nosoutras quixemos andar dun lado para outro e outras foi a vida quen nos levou, o certo é que damos voltas polo mundo como a máquina de coser Refrey.

María ficou preñada e percorremos o Incio e o Courel, logo naceu Melina en Estados Unidos e celebramos ese acontecemento como se fose unha sobriña e unha neta. Para ela o meu pai foi o seu avó galego. Chámase así na honra de Melina Mercuri e o nome vaille moi ben. Melina a muller brava que defendeu os dereitos do pobo grego contra a ditadura, a cantante, a actríz  e sobre todo a política. Eu non atraveso a porta do Museo Británico en Londres como homenaxe a Melina Mercuri, a ministra de cultura grega que reclamou que se devolvesen a Grecia os mármores que formaban parte do Partenón de Atenas; non deixa de ser dramático que estes “anacos” de cultura grega sexan coñecidos polos mármoles de Elgin, o Conde que os roubou da acrópole no século XIX. Algún día haberá que lle dar unha revolta moi en serio a todo este espolio, a tanta consecuencia da ollada e do poder eurocéntrico sobre o mundo. A nosa Melina tamén é unha muller brava, que coma nosoutras herdou todos os ditos coa cona e está até a cona de moitas cousas, sobre todo do racismo que coñece moi ben, viviu seis anos en Alemaña onde traballou con inmigrantes,  agora leva dous en Madrid como auxiliar de conversación de inglés, contenta nunha escola primaria en Usera estivo con moita rapazada de familias latinas, que falan quechua, guaraní, unha illa de tempo e felicidade falaren de todo, o de menos, o inglés. A Covid non permitiu que estivesemos xuntas, viu tres días e foi esa sobriña neta querida, cun tempo máis prefeccionaba o galego en que lle cantaba Beatríz, polo buraquiño que ten o mandil. Vai para Chicago para especializarse, quere traballar con persoas migrantes. Unha brava activista á que lle gustaría vivir un tempo en Galiza. Alguén lle dixo en Madrid que había que volver colonizar América Latina. A ignorancia é  atrevida, terríbel. Melina ilumina.


 

Comentarios