Opinión

Marxes

Das marxes e de (desde) Xela Arias nas marxes foi do que se falou nunhas xornadas tituladas “Literatura nas marxes. A creación alén do canon” que tiveron lugar en marzo en Compostela, en cuxo cartel se pode recoñecer a figura da escritora Xela Arias. Si, diso se falou, do movemento, de arrasar os marcos. Do centro, da(s) marxe(s) e da(s) periferia(s). Mesmo da vontade de se situar na marxe e na periferia.

As xornadas estaban organizadas pola Asociación o Arquivo das Trasnas que hai máis dun ano comezou a traballar ao redor da figura de Xela Arias coa realización do documental Xela Arias. Poeta nas marxes, dirixido por Beatriz Pereira, e coa preparación dun fanzine co mesmo título. Antes da denominación de Arias como autora homenaxeada para o día das letras; celebrada por Edicións Xerais (2018) coa publicación da súa Poesía reunida (1982-2004) e pola plataforma A Sega no VI Día das Galegas nas Letras. Antes a obra de Arias estaba esgotada había anos. A primeira mesa dedicouse xa á escritora das letras galegas, situada no centro da festa, o que aínda remoe na dor, porque ela non está e ben podería. De estar non tería esta festa. Falamos Chus Nogueira, Ana Romaní e mais eu, que xunto a M. Bragado, Susana Trigo e D. Chapela, escribimos no fanzine. É Nogueira, editora da poesía reunida, quen abre a publicación coa definición e coas tres primeiras acepcións da palabra “marxe”, por lle acaeren ben á obra de Xela Arias. Falamos desde a (non) presenza de Xela Arias nas antoloxías que “canonizaron” até na marxe en que ela mesma se situou; falamos da importancia da revista A festa da palabra silenciada como motor da literatura escrita desde mulleres, como renovadora da crítica, dese ler desde a ollada feminista; digamos que en liñas xerais, para que se entenda, interpretamos o contexto social e literario onde se desenvolveu a poética de Xela Arias e a súa obra. Ás veces é necesario facerlles caso ao que din as poetas, Arias, como Rosalía de Castro, dixo cousas, situáronse desde o seu “silencio”: “A miña lei, de me nacer así tan negra por elección” e “a carnaza que entre veras así devora así vomita/ a poesía”. Si, dixo cousas, terminoloxía útil, transmitiu. En falando de (desde) Arias, ela por vontade á intemperie, tan adiante, difícil de alcanzar na súa marxe.

De como da marxe ao centro o camiño non foi/é doado, se se chega, falaron poetas recoñecidísimas, é certo, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, contaron desa camiñada ao centro do sistema. Despois falouse das escritoras escribíndo (as) maternidade(s); cando Xela Arias publicou Dario a diario a maternidade non estaba na axenda política, nin na marxe, sen valor ou mitificada como a virxe santísima. Falouse de Lupe Gómez e de Pornografía na marxe en edición de autora, da mudanza a poeta recoñecida. O último día, tratouse da(s) identidade(s), das personaxes LGBTIQ+, do hermafroditismo, de trans-formar a realidade. Marxes. De Todo isto se falou, porque o mundo non sempre foi tal como hoxe é. A imaxe de Xela Arias co rosto tapiado en vermello, ficou no centro do cartel. Mais, desde fóra, houbo quen só leu “canon”. E desde fóra, na sociedade do espectáculo, falou e o falar non ten cancelas.

Comentarios