Opinión

Mariví Villaverde, novas latitudes

Doutras latitudes, doutras linguas, chegárannos á colección Mulleres da Editorial A Nosa Terra textos de memorias que a lingua galega abrazou como propios, Diarios de Sira Alonso (2000), os diarios da muller do cadro, retratada polo pintor Francisco Miguel, como nos presentaba desde o prólogo Carme Vidal; Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde e Cárcere de Ventas de Mercedes Núñez. Asinadas por outras autoras lemos as biografías de: Maruxa Mallo, Carolina Otero, María Casares e Placeres Castellanos.

Igual que a Colección O Fardel da Memoria, todas estas obras singulares e de coidada edición son moi difíciles de atopar, agardan nos fondos dalgunhas librarías que se ocupan do “vello” e non en todas as bibliotecas, unha mágoa para a memoria; obras fundamentais que marcaron a primeira década do século XXI para a investigación e para a lectura. Eu ademais de partillar esta preocupación polo acceso a estas obras, queríalles comentar a dificultade de chegarmos a outras latitudes, sen pasar por Madrid ou tendo en conta o galego.

O libro de Villaverde foi publicado en 1962 na editorial Alborada de Bos Aires en español, co título Tres tiempos y la esperanza, asinado por María Victoria Valenzuela, apelido polo que era coñecida a familia, apelido do esposo, Ramón de Valenzuela; acompañaba o libro un prólogo de Arturo Cuadrado e un retrato da autora de Luís Seoane. Reeditouse en Galiza en 1987 por Edicións do Castro. No ano 2002 edítase en galego en A Nosa Terra, co título de Tres tempos e a esperanza cun prólogo de Anxos Sumai.

Leva a sinatura de Mariví Villaverde, o nome co seu apelido, co que renacería como escritora e, sobre todo, como testemuña fundamental para legar ás novas xeracións a vida cotiá da Vilagarcía republicana, da represión franquista, do exilio e do regreso até a morte do ditador; nesta edición a autora devólvelle ás personaxes os seus nomes verdadeiros, mudados nas edicións anteriores, e engádelle un epílogo: “Palabras que escribín corenta anos despois”.

No ano 2022 con motivo do centenario da súa autora a Deputación de Pontevedra responsabilízase dunha nova edición da obra coa que novas lectoras e lectores descobren o seu valor. Este libro de Mariví Villaverde foi traducido ao francés 'Trois temps et l'espoir', por Lou Freda, a mágoa é que a súa tradución e o seu estudo, que divulga a investigadora da literatura do eu no franquismo, ten como base a primeira edición do texto, a de Bos Aires. A edición de A Nosa Terra, co nome de Mariví Villaverde, os nomes verdadeiros, o prólogo doutra autora galega, Anxos Sumai, e o epílogo, ese texto do que a súa autora sempre dicía: “Tiña que ter escrito un pouco máis, tiña que me ter demorado nesa transición sen transición”, non chegan a esa outra latitude, non chegan as últimas vontades da autora.

Non é doado, malia os esforzos da Deputación de Pontevedra, que a mocidade de toda Galiza poida chegar á nova edición, velaí as fronteiras provinciais, as razóns do Provincialismo. Aquel alumnado de ensino medio que no ano da memoria de 2006 gozou da presenza de Mariví Villaverde en diferentes centros de ensino, que leu o seu libro, que o ten asinado, foi afortunado. Hoxe non é fácil recomendar a lectura dun libro se non se vende, mais é necesario. Difícil superar obstáculos, chegarmos á novas latitudes.

Comentarios