Opinión

A Maré, nós tamén navegar

Para min o país co que crecín é moito máis ca o outro lado da fronteira. É un continúo que me leva da man do meu avó de Pazos de Reis, desde o paseo pola Praza da Liberdade en Valença ao regreso pola ponte onde a miña man miúda deixaba ceibar un globo que subía e subía sen lindes definidas. Un país sen fronteira, eu atravesaba da man do avó sen precisar documentos. Ás veces a burocracia e os tratados tórnanse invisíbeis ou sentimentais. Todo o que pasaba alí ao lado, de onde nos afastaba totalmente a escola, me pertencía. Na miña memoria infantil está o mapa de Angola no telediario español, as novas da súa independencia o San Martiño de 1975 e a guerra civil posterior. Ninguén me podía explicar que se lle perdera a Portugal en Angola e, de verdade, facía esta pregunta. Viaxaba co atlas e trazaba desde Portugal rotas por todos os continentes, tantas eran as ansias aventureiras do pobo lusitano. Iso pensaba. Foi Mario, o lector de portugués en Compostela e angoleño, quen me soubo dar respostas.

É preciso reinventarse, repensármonos como pobo e reconstruirmos as nosas identidades. Na última semana de setembro do 2020 chegou a Maré, música e artes atlánticas a Compostela, navegou para nos dicir que á capital da Galiza chegan todos os mares do mundo. Había tempo que non me sentía tan ben, descubríndome rapariga feliz cun globo imaxinario que debuxaba a ausencia dos límites, desde unha orixe común, o galego-portugués, o vello atlas tatuado no meu corazón volveu falarme eses días. Os sons da nosa fala reinventábanse, enchíanse de novos contidos e afortalábanse, grazas a quen sempre estivo e segue aí. Lusofonía, iso é a Maré: Ar libre, chuvia, unha carpa, diálogo, proximidade na claridade de ideas, nesta vangarda, á que lle queda pequena esta palabra. Foi no Hotel NH, esta cura contra a pandemia, este nos resituar na vida do goce, coa música, coa creación poética ao darlle a man a gala aRi[t]mar (magnífica idea), coa gastronomia, que bos estaban eses petiscos angolanos. Cantou, tocou, falou Toty Sa´Med, diálogo entre o seu tempo, o de hoxe, e as fontes máis clásicas da música angolana e eu volvín ser a nena pequena con cores máis lindas no mapa de Angola.

Volveu a Pedreira e o espazo fíxose tan íntimo que se podía chorar e renacer con ela, acompañar ese tránsito que nos levou desde todas as soidades da taberna até a alegría e o trunfo da sororidade para cantarnos esa rancheira, con Guadi e con Uxía Senlle. A vida precisa de ser cantada e moita hai e é a que nos dá, a Pedreira. Impresionou LaBaq, ela abriunos portas ao Brasil, novas, cunha forza que fai tremer. Que espectáculo Nacho-Lar-Faia, que renovación do Zeca, dá igual a orde dos elementos, que comunicación entre eles, éntranos como pura transfusión enerxética. Días de renovación e renacemento. Poesía na maré coa gala con aRi[t]mar, Carlos da Aira e Raquel Lima agasallan poemas, Zambujo e Sabela, cancións. A gala Cantos na Maré pon o ramo a estes felices días de diálogo. Benvida esta ladaíña de renovación enerxética, que nos lembra que en galego-portugués estamos no atlas e que é preciso non ter a escola en contra.

Comentarios