mércores 14/04/21

O mar fala galego e portugués

Don Dinis fixo do portugués a lingua oficial da corte, impulsou o comercio entre Portugal e o Condado de Flandes, propiciou o estabelecemento de xenoveses e florentinos en territorio portugués para se beneficiar dos seus coñecementos e neste afán de crear unha identidade nacional e deseñar o territorio, fundou a Mariña portuguesa.

Sempre me preguntei que importancia ocupaba o desexo de aventura na cabeza dos homes que se lanzaban ao mar sen saber onde levarían os ventos as embarcacións en que se enrolaban para servir a ‘el rei’. Inventando verdadeiros xogos nos territorios do nada, que os levaban a puntos estratéxicos, podo pensar na descuberta das Illas Canarias e na liorta pola súa propiedade, nese século XIV, aterrado pola peste nunha Europa infectada de ratas; unha pandemia que case rematou coa poboación de Hubei na China, especialmente virulenta coas zonas rurais no Oriente Medio e que se cebou con Gaza e Aleppo.

A peste que matou, desatou o fanatismo contra xudeus ou ciganos, estranxeiros ou esmolantes, mudouno todo. Fronte á terra arrasada polo triunfo da morte, o mar ofrecía moito por explorar e gañar. Tamén sempre me chamou a atención que o desexo de se proclamaren cabaleiros o Infante Henrique, o Navegador, e os seus irmáns, foi o motivo para a conquista da cidade musulmana de Ceuta, fundamental para o comercio e de maior honra para a cristiandade.

Que conciencia habería de que podían ficar sen vida no fulgor dunha batalla ou nas ameazas dos días longos das travesías marítimas? Agarraríanse a esa derradeira viaxe sen retorno co desexo da descuberta da gloria eterna, tan fascinante como procurar a rota máis rápida das especias. O certo é que as tripulacións e as súas travesías mediron e debuxaron o mundo. Nomeárono. Vencendo o medo e moitos monstros inexistentes, con vento a favor ou en contra, o Papa Nicolau V confirmou en 1455 que todas as terras e mares do sul do Cabo Bojador e do Cabo Nao, pertencían aos reis de Portugal.

O galego-portugués botouse ao mar máis grande sementou palabras, creou imaxes, desde o pingüín ás Nebulosas de Magalhães, desde as illas de Madeira, Os Açores, as Molucas (Malucas), desde o Mar dos Sargasos (dos Argazos) até o Pacífico, tamén na volta polo chamado primeiro, Cabo das Tormentas e, despois, da Boa Esperança que auguraba a chegada á India. E foi a lingua de nos quen lle deu, para maior ventura, a primeira volta á terra, esta vez para honra da corte de Castela, o que non rematou Fernão de Magalhães, púxolle o ramo Elcano.

A illa de Guam, punto de paso cara Filipinas ou Manila, é o lugar onde remata o desertor da expedición de Magalhães o galego, Gonzalo de Vigo, que se integra na comunidade en que vai vivir durante cinco anos, aprendendo a falar a súa lingua e algo da de Malasia, que vai servir de intérprete á expedición de García Jofre de Loaísa, coa que dá por fortuna. É un dos primeiros intérpretes e mediadores lingüísticos galegos cuxo nome coñecemos, lembrado nunha estatua no porto de Vigo, que nos está a dicir que é unha tremenda necidade non introducir de xeito xeral o portugués no ensino en Galiza, xa que en galego e en portugués segue a nos falar o mar.

comentarios