Opinión

As Malvinas (II): o Cemiterio de Darwin

Na miña primeira viaxe a Bos Aires visitei o cemiterio da Recoleta, fermoso con algúns cadáveres exquisitos para contemplar ou roubar, historias que contan cun disque diante, outras con máis fundamento narradas por María Rosa Lojo (Historias ocultas en la Recoleta); tamén estiven na Chacarita, unha Galiza, eco do mapa de Fontán na toponimia, detrás da lápida está o Alén. Difícil sabermos se fica algo de vida no Alén, pensei en canta xente quedaría para ser enterrada neste panteón das galegas e galegos.

Héctor González, o mozo que con dezaoito anos foi enviado á guerra das Malvinas, levaba acampado na Praza de Maio, con outros compañeiros, cento vinte e un días o 30 de abril do 2006, cando me explicou como se lles fora acabando a vida. Cando me pediu que non deixase de ver o filme de Tristán Bauer, Iluminados por el fuego, de total actualidade naquel momento; non imaxinaba que esa película me abriría o camiño para introducirme no mundo da guerra despois da guerra, da ditadura que segue sendo cruel despois da ditadura. Na película detrás das lembranzas Esteban Leguizamón está a súa historia e a dos seus dous amigos que compartiron a vivenda-toubal na terra nas Malvinas, a de Vargas, o amigo suicida, Vargas, e a de Juan, morto en combate. Detrás de cada un, hai centos: quen aturou o trastorno postraumático da vivencia da guerra con manuais de autoaxuda, quen se suicidou, quen morreu en combate. Historias como as do tío da miña amiga Fernanda Perolini, que segue coa súa ollada triste pedindo xustiza e do que ela nunca me falara antes, cando vivía en Tui, cando nos axudou a ordenar os nosos libros. As Malvinas non era tema de conversa para o pobo arxentino que habitaba entre nós; mesmo naquel ano 1982, o importante tamén para a ditadura arxentina era gañar unha guerra, espertar a épica e as fazañas dun pobo glorioso, tanto como gañar o mundial de fútbol. Pregunteille a Héctor se lle morrera alguén próximo na guerra, todos perderan centos na guerra, todos viran morrer compañeiros, todos se viran morrer. Pregunteille onde estaban os mortos. Algúns viñeron, outros ficaron ciscados ou en fosas comúns e outros están enterrados no cemiterio Darwin, que está na illa da Soidade, un lugar habilitado polos ingleses para eles, onde hai máis de duascentas tumbas con nomes, noutras figura: Soldado sólo conocido por Dios. Algún día gustaríame ir a esa illa, visitar o cemiterio, non sei se Héctor volveu, el quería. A terríbel historia da identificación dos mortos e a da morte pola patria habita o cemiterio de Darwin.

Comentarios