Opinión

As Malvinas (3): Elas tamén estiveron

0 30 de abril do 2006 ás catro da tarde unha nova manifestación entraba na Praza de Maio a dos  ex-combatentes da Guerra das Malvinas acompañados por familiares de vivos e mortos, compañeiras e viúvas, criaturas con pais ou orfas. Eles, obrigados a esa loita pola ditadura, que nunca tiveran recoñecemento na democracia, nin axuda ou asistencia psicolóxica, sen traballo e con  todas as dificultades para atopalo, denunciaban e reclamaban. Estiven alí na compaña de Osvaldo Bayer, sabía da hora, por Héctor González que me contou como lle destrozaran a vida aos dezaoito anos, vino de lonxe na manifestación, el a min non. Tamén reparei no grupo de turistas ingleses que ás sete da mañá dese mesmo día se achegaran aos ex combatentes acampados na praza para lles pedir perdón por ser ingleses; referíronse ao acto criminal do afundimento do ARA Belgrano. Tireilles fotografías aos dous grupos xuntos. Falaron do xeneral inglés Geoffrey Cardozo, quen enterrou con todo coidado e cos seus obxectos persoais os soldados arxentinos na illa da Soidade, fundamental para a súa posterior identificación.  Foi cando escoitei o seu nome por primeira vez.

Moitas cousas aprendín esa mañá sobre a Guerra das Malvinas e até este ano, corenta anos despois dos meus dezaoito anos, dos de Héctor González, non volvera pensar na derrota da miña xeración que descubrín na primeira viaxe a Bos Aires. Houbo algo do que ninguén me falou, en que eu non pensei, malia termos todas nas nosas cabezas imaxes de mulleres enfermeiras de guerra en todas as guerras. Eu non pensara nas enfermeiras da Guerra das Malvinas, en que elas tamén estiveron nesa loita en 1982. Elas, as mozas "instrumentadoras", que reciben este nome por ser o apoio dos cirurxiáns nas operacións, foran borradas da historia e deberon loitar polo seu recoñecemento como veteranas de guerra polo estado arxentino. Estiveron alí porque o hospital de campaña non tiña quen asistise nos quirófanos e até o ano 1985 só había "instrumentadoras", os homes non podían desenvolver ese labor. Loitaron para salvar os soldados que chegaban con demasiadas feridas que nunca viran, para mantelos na vida. Loitaron contra o machismo militar que as menosprezaba na guerra con "perfume de muller" como recolleu algún titular, contra o de despois da guerra que lles chamaba tolas ao falaren das súas vivencias, tratadas como as que foron para entreter á tropa, soldadeiras. Unhas estiveron no buque hospital Almirante Irizar e outras nun hospital montado en Comodoro Ribadavia, a case novecentos quilómetros das Malvinas. Non as enganaron, descubriron a derrota nas feridas que curaban, fronte a mentira da prensa que aseguraba que ían gañando.

Vin filmes sobre a guerra das Malvinas, curtas de animación, documentais, a serie que lle dá a palabra aos ex-combatentes, "Malvinas: el héroe colectivo" (2021), que reavivou en min esa pregunta que aparece de cando en vez: Que sería de Héctor González?

Recoméndolles o documental de Federico Strifezzo, "Nosotras también estuvimos", en que o director, sen guionizalas, lles dá voz a Alicia Reynoso, Stella Maris Morales e Ana Masitto, nos lugares onde estiveran, falan en presente e, esta vez, elas, instrumentadoras, sandan as súas feridas.

Comentarios