Opinión

Madía leva, Singala!

Non é nada extraordinario que Manuel Núñez Singala reciba a próxima segunda feira, no marco das XV Xornadas dos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares de Galicia o premio por ser o autor máis lido durante o curso. Debeu selo moitas veces, cando aínda non existía este premio. 

É importante este recoñecemento ao dramaturgo de O achado do castro, un dos textos máis representados no ensino; de Comedia bífida, unha obra que situou o prexuízo e a digloxia no escenario, perante o xuíz; de Planificación estratéxica, que nun exercicio de intelixencia e humor nos ten en constante alerta para descubrirmos quen mata, e de Atranco no banco, que nos obriga a participar neses xogos lingüísticos. É de agradecermos toda esta escrita desde a intelixencia e o humor para levar o teatro ao ensino, para lelo na aula e reconstruír a nosa cotiandade, o absurdo  e pasalo ben, moi ben. A diversión é o que máis nos pode achegar á lectura, as obras de teatro de Singala son unha garantía para espertar e aguilloar a conciencia crítica, que tanta falta fai.

 É necesario que este divulgador da situación da lingua galega, minorizada sexa lido na aula. Moito empreguei pola orixinalidade en que se presentaban os prexuízos contra o galego e contra as demais linguas aquel traballo didáctico, sempre actual, que requiría a lectura atenta e obrigaba a opinar e argumentar En galego, por que non? Malia que o cansazo nos deixe sen forzas cómpre volvermos tratar o tema da situación da lingua, levala de paseo pola praza, introducila como tema nos claustros do profesorado e nos plenos dos concellos, nos debates parlamentarios; si, é preciso, aínda que  Sacar a lingua é de mala educación, o ensaísta fornécenos exemplos indiscutíbeis sobre as oportunidades do multilingüismo na infancia e na idade adulta que podemos empregar.

O autor falará nas xornadas de: Teatro, lingua e humor. Do seu teatro botamos moitas veces man, mais tamén o fixemos das súas novelas, Noite de temporal, a historia do vapor Santa Isabel en 1921,   literatura e documentación histórica ou  Camiños na auga, onde o tema da identidade e a loita pola supervivencia fan tremer e lévannos a outras paraxes para pensar desde as nosas.  

A lingua e a súa situación están no fondo deste autor, tamén o humor, sobre todo no teatro e nos relatos breves en que o narrador é un mestre; moito teño gozado cos libros Menú de enganos e Instrucións para tomar café, relatos moitas veces ben breves, que nos obrigan a brindar por este virtuoso da retranca.

Mais eu que me alegro como ensinante deste recoñecemento máis que merecido para o dramaturgo, o ensaísta, o divulgador, o narrador, o humorista, tamén son moi feliz co premio para o amigo. Hai moitos anos que coñezo a Singala, moito que sei da súa escrita, da practicada por algún parente en catalán, das súas raíces en Mallorca e en Vilalba, do seu desexo de que o galego sexa lingua da mocidade alegre e do mundo; lingua en toda a sociedade representada nos catro lados da Praza do Obradoiro, como el exemplifica: no ensino, na igrexa, na administración e no sector servizos. Se  normalizarmos a Praza do Obradoiro, normalizamos a lingua. Sei tamén do seu estar cheo de esperanza. Agradézolle navegar pola Arousa, horas, menos das que quixera de conversa intelixente e unha expresión que me aprendeu: Madía leva!

Comentarios