Opinión

As lágrimas de Manuel Lourenzo

Púxose en pé e púxonos en pé, nese seu saber estar no escenario da vida; era mester: soaba a Marcha do Antigo Reino de Galiza que, para a ocasión, interpretou o seu fillo Brandán. Pregúntome: cantas veces lle caerían ao actor Manuel Lourenzo as lágrimas en escena? Cantas veces ao Lourenzo espectador sentado na butaca ou no último recuncho do poleiro? Cantas veces ao Manuel lector nalgunha noite eterna e case sen luz? Cantas de emoción, ao tradutor, adaptador de textos da literatura universal ao galego, ao atopar o alento da outra lingua na propia? Cantas de esgotamento, ao director que logra poñer unha obra en pé; ao que consegue manter unha compañía teatral e logo outra e outra? Cantas lágrimas de dignidade ou coraxe ou cólera ao recibir ou non o pagamento por un traballo profesional necesario para se manter? Moitas veces debeu chorar Manuel Lourenzo pola emoción que requiría a personaxe, moitas outras pola súa propia vida, lágrimas que dignifica ese ser humano que é.

O 14 de xuño no Salón Teatro en Compostela Manuel Lourenzo díxonos, que aínda que non nos deramos conta, cando Brandán tocou coa gaita a Marcha do Antigo Reino, a el caéronlle as lágrimas. Poida que fallasen as luces ao non iluminaren o rostro. Esas luces que tanta vivacidade lle deron ao teatro fuxiron da anotación inexistente. Manuel esta vez non tiña texto preparado nin levaba texto escrito. Entón fíxenme todas esas preguntas. Nós, tamén nos emocionamos naquela profunda aperta, entre o fillo e o pai no escenario, no teatro da vida. Ao noso xeito esta homenaxe en que participamos, que desde a Federación Galiza Cultura se lle rendeu ao Lourenzo coa publicación da súa obra dramática, simbolizaba a nosa aperta de fillas e fillos do seu teatro. O noso agradecemento por nos ter dado tantas lágrimas iluminadas e agochadas, desde que con cinco anos participou na zarzuela El rey que rabió. Manuel Lourenzo fixo todo nese xénero dos xéneros, desde Ferreira de Valadouro até Ribadavia, foi abrente, facho, circo e casa no mundo e foi o Fontán que deseñou e dignificou as profesións relacionadas coa arte dramática polo mapa de Galiza. Aínda máis, que sería do profesorado galego se Pillado e mais el non nos tivesen falado do teatro galego? Ninguén o fixera antes. Xuntos recuperaron e impulsaron a escrita dramática. Moito teatro escribiu Lourenzo, mesmo para dar aulas, reunido agora en sete volumes, moito inédito, e xa nos dixo que atopara na casa unha partida con seis ou sete pezas que quedaran fóra. Procuren estes volumes e lean. Vaian ao teatro, leven a rapazada.

Falamos un día da etapa da súa vida en Colonia e como as persoas aínda vivían entre as pegadas que deixaran as bombas, do amor polas linguas e polo alemán. Agora teño ganas de conversar con el da Nora de Ibsen e da de Jelinek, da criada da señorita Xulia, de que sería de Hamlet sen Ofelia, de Fausto sen Margarida, do pai sen a madrasta de Hansel e Gretel. Gustaríame falar dos silencios de Desdemona e de Brückner, das voces da Antígona de Wolf, do lugar de Fedra e de Isabel Pérez Osorio na historia, do vestiario de Electra, da ollada de Ruth e da dúbida de Male de Escó, do futuro de Lela, Micaela e Pimpinela; e da censura de Zardigot. Da censura e da pouca presenza do teatro no ensino.

Quero agradecerlle todas as súas lágrimas para e polo teatro.

Comentarios