Opinión

Josefa García Segret: Novas latitudes

O 14 de abril de 1931 celebrouse en moitas latitudes, tamén no concello de Tomiño. Ese día Josefa García Segret, mestra e coidadora dos seus pais, e Hipólito Gallego Camarero, o seu home e mestre da parroquia de Forcadela reuníronse coas súas amizades e abrazaron os inicios dunha época de entusiasmo. O ensino foi un dos piares da nova República, deixaba de ser un privilexio e convertíase nun dereito. Por este dereito traballaron moitos mestres e mestras que a partir de xullo de 1936 serían represaliadas como Josefa ou asasinadas como Hipólito.

A parella chegara ao Baixo Miño por mor do destino do mestre en 1930, onde aínda alentaba o facho do agrarismo ao que se unen, colaborarán co galeguismo e serán fundadores de Izquierda Republicana no Concello. O respecto por García Segret, unha muller co don da palabra, mantense vivo, a súa defensa da República e un motivo para a súa detención o 28 de xullo de 1936. Comeza a súa peregrinaxe por diferentes penais cando é deportada o 15 de agosto a Badajoz; reclamada polo xuíz militar ingresa no cárcere de Tui, o 4 de outubro. Pode lerse coordinado por Helena Pousa e publicado polo concello de Tui o libro, As mulleres represaliadas no cárcere de Tui; na súa presentación, o 24 de marzo, na antiga cadea actuou o grupo Os Quinquilláns, coa Señora de Forcadela, sobre a vida de Josefa e con Tero Rodríguez no papel da mestra, que conseguiron que nos emocionásemos.

Hai corenta anos para celebrar o 14 de abril Josefa García Segret presenta en Redondela o seu libro Abajo las dictaduras!!, unha edición de autora publicada en Artes Gráficas Galicia en 1982, pagada cos seus cartos que está datada o 5 de agosto de 1976. Agora chegoulle unha hora nova, o Concello de Tomiño, dá a noticia da publicación da obra, traducida ao galego por María Alonso Seisdedos, na colección Afranio, coordinada a publicación pola historiadora Natalia Jorge Pereira, que consegue nun texto situarnos naquela Forcadela de 1936, en toda a represión sufrida na parroquia, para entendermos as vidas de Hipólito e de Josefa e de toda a veciñanza, con nomes e apelidos, con fotografías; para comprendermos a morte de tantas palabras felices.

Esta é unha obra de memorias construída con lembranzas e cartas que a súa autora redacta desde as diferentes cadeas onde resistiu (Tui, Saturraran e Palma de Mallorca) e despois desde os fogares que a acolleron; escrita desde a súa identidade de muller, presa e vermella. No libro triunfa a solidariedade entre as presas, coas amizades que a manteñen na vida, dentro e fóra da cadea, con quen lle dá traballo.

Josefa García Segret condenada a morte salva a súa vida por finxir que está preñada, estará eternamente agradecida aos doutores Abraldes e Álvarez Blázquez, ao seu defensor, José Queizán por acompañala no engano. Unha muller embarazada non pode ser executada, o 21 de marzo de 1937 é conmutada a pena por cadea perpetua. Esta mesma estratexia salvaralle a vida a Urania Mella, á que coñeceu cando a xulgaron en Vigo. É posta en liberdade o 22 de marzo de 1944. No colofón destas memorias está Hipólito, a quen trasladou da fosa común de Mondariz ao cemiterio da Guarda. Ela quería que as novas xeracións soubesen o que pasou, por iso escribiu, agora con esta publicación en galego, desexo que esta verdade avance por novas latitudes.

Comentarios