Opinión

Desde Goián, unha herdanza marabillosa

Hai universos ben pequenos que nos ofrecen toda a fantasía, lugares que ocupan un lugar en nós. Para min Goián, esa vila do Baixo Miño, é un espazo de querenza. Poderán falarme da luz de Goián que tan ben ilumina os cadros de Antonio Fernández ou de Xabier Pousa, que chamou por máis vidas e obras como a de Eulalia Jackson; ou da marabilla de poñer a arte en pé na fundición de Cuqui Piñeiro, herdeira de Xoán Piñeiro; de amasar arte coas mans como fai o ceramista Leandro, para xantarmos con eses pratos, para bebermos café con esas xícaras, caldo con esas escudelas. O mundo aliméntase en Goián, aliméntanos.

Seino. Moito seguen a dicir as paredes da casa indiana onde medrou Neri Ortega, onde o pai agochado salvaba a liberdade preso e lle aprendía a ler; moito as da Casa do Correo, lugar de xantares especiais para falarmos dunha punta do mundo a outra; moito as paredes da casa onde viven as Alonso, que gardan libros, fotografías, a camisa dunha serpe xigante e páxinas e páxinas escritas por Eliseo, bosquexos que acompañan o remate de moitos contos do Miño.

E hai moito máis cando se atravesa o xardín e as paredes e sobre todo se entrarmos no centro da vida, as cociñas, ou se rematamos na aira ou en calquera lugar para botarlle a última, a arrancadeira e gozamos do licor de cilantro, e doutras receitas chegadas ou non do Brasil. Goián é estraperlo de palabras e tesouro de dicires elaborados nos carreiros e nas mesas, diso saben moito Alicia Alonso e Helena Pousa Ortega, venlle de familia, ou a traficante tradutora María Seis Dedos.

Hoxe quérolles falar da herdanza que se ofrece nun libro que é todo amor, un libro que é do pobo e para o pobo de Goián que xa se nos ofrece cunha chiscadela desde o título: Pra mata-lo tempo. Contos que contou e moitos herdou, Pablo Pousa Carrera, o contador; historias vibrantes e breves, como a do canciño branco, que non sabemos o que era; cousas máis que retrincos, de cando as campás dicían todo, para herdarmos o tempo que non se quere matar, xa que como di un relato: “Agora xa non se faen trasnadas como as de antes”. 

O libro é herdanza por estes relatos, ás veces non son contos. Son lendas ou explicacións sobre a orixe dos nomes, como o da Fonte do Ollo do Cu; son anécdotas ou retratos de personaxes da vila e da contorna; son o deseño no mapa dos afectos dos lugares de Goián. Pablo Pousa contaba moi ben, dominaba a arte da literatura oral, a xenialidade de manter a atención e de que se quedase sen alento no remate. 

O libro é herdanza que a familia Pousa-Ortega recibe e que converte nun tesouro de marabilla, cando decide publicalo para que o pobo goianés poida partillar ese legado e ler os relatos. No libro hai moito amor, o de Helena Pousa responsábel da edición de todas estas historias que o seu pai seguiu escribindo no seu ordenador, despois da publicación en 2006 do primeiro libro de Historias, contos e lendas de Goián.

O libro é un tesouro e herdanza única, está escrito nesa lingua que na casa de Neri e Pablo sempre se falou, que Helena nos regala, o goianés; que a famila transmite e salva. No libro está o amor da Rosalía González Pousa pequeniña e da deseñadora e ilustradora, a neta. Tanto amor, non é inútil.

O libro é unha sorte que xa se leu en Goián. Tesouro de imaxes e palabras, herdanza que desexo ande máis mundo.

Comentarios