Opinión

Fronteira

Afronteira dá a cara, con todos os seus múltiples significados, doe, manca e indigna. Desde que a palabra CoronaVirus se fixo corpo e habita entre nós naceron novas relacións co límite, apareceron palabras que semellaban habitar lonxe e activouse a antonimia, a oposición, o contrario a diferenza, o que somos e o quen non somos. A oposición que se estabeleceu entre o dentro e o fóra, entre ser Unha-con-Teito e ser Unha-senTeito. A de estar en primeira liña loitando contra un inimigo descoñecido e desconcertante, fronte ás que estabamos confinadas, nun refuxio, que encheu o noso vocabulario de estratexias de guerra chegadas da memoria. A vida entrou en xogo contra á morte, que se converteu en número, que crecía ameazante; morte que se instalou nun lugar onde era imposíbel acceder, de non estares dentro. O límite estabeleceu a idade para ser atendida e non entre o colapso, para ser grupo de risco, para ser asintomática. Foi un luxo poder ficar na casa e ter un fogar, poder teletraballar e non te arriscar, por exemplo, levando caixas de froita, verdura e alimentos a quen tiña un mínimo de cartos para que entrase no reparto a domicilio. Un luxo ter un diñeiro seguro a fin de mes, unha nómina, contra quen non. Contar como traballadora ou non facelo en economía submerxida ou sen contrato ou sen traballo recoñecido. Ser muller ou non selo, ser nai ou non, traballar en Inditex ou ser empresaria. A diferenza estivo aí desde o inicio entre, por unha banda, a manifestación feminista do 8 de marzo e pola outra, o acto de Vox en Vistalegre e un partido de fútbol Liverpool-Atlético o 11 de marzo. A fenda no ensino agrandouse entre o rural e o urbano, entre ter acceso á rede e non, ter un ordenador ou un móbil e non telo; entre ter familia na casa e non, entre ter xente á beira que saiba abrir ou crear un pdf e non. Entre ter unha nai mestra e non. A fronteira entre o perigo mudou, a distancia co maltratador desapareceu en moitos fogares, tamén co violador. É a aparencia a que nos leva dunha fase a outra, a que nos engana e nos promete que a normalidade vai chegar, co desexo de ir máis rápido; máis que o turismo, motor económico, mandan as próximas eleccións autonómicas e facer actos electorais como os de Vox, con Vox. Non nos enganemos fronte a esa aparencia, a realidade di que nada vai ser como antes, o que está por vir está moi lonxe da normalidade que coñeciamos. O límite estaba aí e agora séntese entre, por unha banda, ser demócrata e, pola outra, ser franquista, fascista ou neonazi; o límite hai que poñelo nun estado de dereito cando se atenta contra a cidadanía. Dunha banda, o aplauso ás oito da tarde da comunidade e, pola outra, bater na ola imitando a Manolo, el del bombo, co triunfo na Cibeles. A fronteira agrándase entre a lingua minorizada e a maiorizada, o presidente da Xunta fala para alén da fronteira da Canda e do Padornelo, cada vez máis, aquí a irresponsabilidade perdeu o límite. A fronteira racha a palabra eurocidade e a vella ponte de Tui xa non rexe, mais sei que virán coma sempre os bombeiros e bombeiras voluntarias de Valença a rescatarnos. Menos mal que fica Portugal, un exemplo

Comentarios