Opinión

Felicísima Rosa en non se sabe onde

Dicíanlle Felicitas e podería ter herdado o nome da súa avoa que atendía por Felicidade, iso foi hai tanto tempo que xa case non queda vivo ningunha persoa para lembralo. A memoria é un lenzo moi fino que esvaece nas mans, unhas veces, outras, pode morrer afogada no abandono da poeira e, moitas, voa imprecisa a non se sabe onde.

Dicíanlle Felicitas e podería ter herdado o nome da súa avoa que atendía por Felicidade, iso foi hai tanto tempo que xa case non queda vivo ningunha persoa para lembralo. A memoria é un lenzo moi fino que esvaece nas mans, unhas veces, outras, pode morrer afogada no abandono da poeira e, moitas, voa imprecisa a non se sabe onde. A memoria abandonou a Felicitas, á nai que pariu tres veces, que ficou viúva con corenta anos e que traballou toda a vida no campo e na casa, como fan case todas as mulleres da aldea galega, mentres os seus fillos varóns se fixeron cargo da pequena empresa de dous autocares que leva o apelido do seu home. Ela vivía ao ditado do que mandaban os meses e o tempo, de xaneiro a decembro, leiras e gando compoñíanlle un horario, a familia, os días de festa. Nin que dicir ten que Felicitas falaba, falou sempre galego.  

"Felicisima Rosa marchou a non se sabe onde e Felicitas, ela, ficou na nosa memoria e  na historia da vida que conta nos tempos felices que lle ordena o traballo a súa neta, enxeñeira en Citroën. Viva na lingua das dúas"

Nena coas letras necesarias para acompañar á rúbrica, foi a preparación da comuñón coa Señorita Pastora, a da Quinta, o tempo breve en que co catecismo aprendeu de seguido cantos, rezos e castelán. E soñou, só un pouco, que a filla do Xeneral da Quinta a levaba de criada, mais despois Felicitas só falou castelán cando ía ao médico ou cando a atenderon no hospital. E cando os meses e o tempo deixaron de ditarlle os labores do día, despois de toda unha vida, a memoria abandonou a Felicitas e morreu. Si, morreu, aínda que o seu corpo alentaba, camiñaba, sentaba coa filla no seu salón de peiteado e sorría. Si, o seu corpo sorría, mais non era ela, e a súa boca só pronunciaba palabras na lingua do catecismo e da televisión que lle ía ordenando os medicamentos do día e pronunciaba o seu nome, aquel co que a chamou a Señorita Pastora na capeliña da Quinta: Felicísima Rosa. E, de seguido engadía: Soy la mujer más vieja de España. A súa voz mudara, non sabiamos quen era, o seu corpo non nos coñecía e todas no salón de peiteado da filla levemente sorriamos, sabendo que o conto era triste. Felicitas marchara como a súa memoria a non se sabe onde, como a súa lingua, e en non se sabe onde vivía co seu corpo mirrado Felicísima Rosa, la mujer más vieja de España en perfecto castelán até a morte. 

E no enterro, a familia, a veciñanza, as compañeiras de hora no salón de peiteado da filla falamos de Felicitas, da muller que quedou viúva con corenta anos, da que seguía o ditado dos meses que lle ordenaban os labores do campo, da casa, e da familia nos días de festa. Todas sorrimos co conto triste de Felicísima Rosa. Todas a choramos en galego, tamén a súa neta, enxeñeira de telecomunicacións, traballadora en Citroën, que aínda lle dixo: “Ai, avoa  Felicitas, quen me vai contar as historias da vida!”

E aquela veciña, exterminadora de emocións, sentenciou:

“Déixaa ir, eses contos non son do teu tempo! A súa chocheira era unha risa! Xa non era ela!”
Felicisima Rosa marchou a non se sabe onde e Felicitas, ela, ficou na nosa memoria e  na historia da vida que conta nos tempos felices que lle ordena o traballo a súa neta, enxeñeira en Citroën. Viva na lingua das dúas
Marga do val 

Comentarios