Opinión

Eu tamén co mellor e máis ilusionante dos sorrisos

O futuro de Galiza, a nosa identidade como pobo, a súa visibilidade, a súa existencia, tamén dependen da súa presenza no Parlamento Europeo. Eu asegúrolles que moito máis do que se pensa. Cando o pobo galego faga súas as palabras de sermos célula de universalidade, sen pasarmos por Madrid, sen termos que pagar esa peaxe para chegarmos directamente a Europa, cando asuma a súa fondura, escribiremos outras páxinas, viviremos en galego e mellor, sen complexos.

O futuro de Galiza, a nosa identidade como pobo, a súa visibilidade, a súa existencia, tamén dependen da súa presenza no Parlamento Europeo. Eu asegúrolles que moito máis do que se pensa. Cando o pobo galego faga súas as palabras de sermos célula de universalidade, sen pasarmos por Madrid, sen termos que pagar esa peaxe para chegarmos directamente a Europa, cando asuma a súa fondura, escribiremos outras páxinas, viviremos en galego e mellor, sen complexos.

"O futuro de Galiza, a nosa identidade como pobo, a súa visibilidade, a súa existencia, tamén dependen da súa presenza no Parlamento Europeo". 

Sermos colectivamente pobo galego velaí un desexo herdado, un traballo herdado, a herdada necesidade da construción dun suxeito colectivo, da conxunción colorida de tantos eus e das súas cantigas... Négome a admitir: un fracaso herdado. Que non lles veñan á cabeza só palabras como resistir, sobrevivir. Digan: sermos, falarmos, Galiza. Digan con renovado amor revolucionario o que non se  prende nin depende, Galiza, e nomeen as cousas máis queridas. Que non lles prendan frases lapidarias como “non somos nada”, mesmo ante a morte somos a bagaxe que levamos, o eu que levantamos. Son tempos novos todos os días, foron tempos novos todos os días, e hoxe entre foron e son, temos que darlle visibilidade ao pobo, só existindo contamos, como contamos desde que existe a loita feminista, como contamos desde que se organizou o proletariado e temos voz para reclamarmos melloras no traballo, unha sanidade pública, un ensino público. CONTAMOS. E entre, ese son tempos e foron tempos, debemos seguir vivindo e loitando, a vella fantasma percorre Europa, avivada con ricos complexos vitamínicos, multiplicada na militancia tecnocrática, rescatada pola banca  

A fantasma depredadora, esa vampiresa terríbel, que nos devolve a condicións laborais que foron, que nos deixa sen dereitos día a día, hoxe. Hoxe esa fantasma que non é a voz dos pobos, que non é a voz da cidadanía herdada da revolución francesa, fala no estado español, en Galiza, coas voces do PP e do PSOE, xa é unha fantasma con corpo, vémola, e observamos os seus xogos de aproximación, esa gran coalición da que xa falan, a unión da defensa férrea do capitalismo. Unha gran coalición entre estes dous grandes partidos e os seus secuaces que volven, hoxe, entoar discursos da unidade herdada do mapa da política matrimonial dos Reis Católicos, desa España que queren, “Una, Grande y Libre”, na Europa do fascismo, do nazismo, tempos que volven. Mais estas mesmas forzas son as que nos converten, foron tempos e son tempos, en terroristas pola defensa da nosa lingua, saben que a patria é a lingua, desexan mandarnos ao cárcere por algo que foi necesario, que é necesario, como a loita sindical, desexan rematar coa educación publica que nos nomea, que nos fai máis libres, que vai contra a escravitude clasismo. Sábeno. E tamén saben que hoxe está en xogo afirmarse (confirmarse) nun estado depredador ou loitar por sermos unha Europa de pobos. E non hai outra. E o nacionalismo só pode estar nunha beira. Nin sequera fai falta ter nacido en Galiza, en Bretaña, en Cataluña ou en Irlanda, para apoiarmos movementos de reivindicación dos “pobos”, das nacións que desexan dialogar e partillar o mundo, fronte aos estados centralizadores, fronte  á   fantasma esmagadora.

"Por iso é importante votar para contarmos en Europa, que nos chamen para termos nome. Por iso cando se desexa que Galiza estea aí, sen pagarmos peaxe en Madrid, nada xustifica a abstención". 

Por iso vou votar BNG nestas eleccións ao Parlamento Europeo, actualicei a miña herdanza. Vivo feliz na querenza desa herdanza, para min a patria é a lingua, é quero nomear as cousas máis queridas nesa lingua: Galiza. Palabra que magoa e que revive, palabra que me sitúa no mundo, célula de universalidade. 
Por iso vou votar BNG e votarei segura esa outra coalición que vai estar en Europa. Si, tamén  con BILDU. Por iso, para non apagar a nosa existencia, para seguir tendo esa voz, quero que Ana Miranda siga no Parlamento Europeo. Foron e son, Camilo Nogueira e Ana Miranda que nos deron visibilidade en Europa, quen pronunciaron a palabra Galiza e lle deron contido a esa herdanza vangardista de Nós. E isto ninguén pode negalo. Analicen o seu traballo. A forza de tanto traballo non pode ser inútil, non o foi, Galiza existe en Europa con todos os seus problemas, con todos os ataques que recibe, con todas as súas loitas. Nunca enganou esta forza política na súa reivindicación dunha Europa dos pobos, nunca enganou esta forza política nin cando dicía aquilo de:  “Mercado común europeo, ruína do pobo galego”.  Tampouco cando dixo non á Europa de Maastricht, cando dixo non a esta Europa á que segue dicindo non co seu traballo desde o Parlamento Europeo. Créanme cando lles digo que é importante estar alí, sei do que falo. Sei que sen feminismo o mundo non será xusto, sen neofalantes non se salvarán as linguas minorizadas, sei que sen europe@s, sen cidadanía herdeira da revolución francesa, non se salvarán os pobos, as nacións. Por iso é importante votar para contarmos en Europa, que nos chamen para termos nome. Por iso cando se desexa que Galiza estea aí, sen pagarmos peaxe en Madrid, nada xustifica a abstención. Aprendamos dos erros, o bando que defende estados esmagadores, sempre vota, a dereita reaccionaria, sempre vota. Lembren, por só poñer un exemplo, cantos votos lle deron a alcaldía ao PP no Concello de Santiago? Canta xente non foi votar? Canta xente o lamenta? Mais o malo está feito e no xulgado por corrupción o que a maioría votou e o que outra parte permitiu por non votar.

"Sei que temos a mellor candidata, porque o seu traballo non foi e non pode ser inútil, porque respira queremos galego cando fala inglés, alemán, francés ou portugués, porque a súa preparación en dereito faina herdeira de Carballo Calero, de Tobío, de Bóveda"

Nin Camilo Nogueira, nin Ana Miranda, nin a presenza do BNG en Europa, nin ningunha das persoas que integran a coalición merecen ningún castigo. Galiza tampouco. O traballo do BNG en Europa foi impresionante e era difícil, contra todo, situáronnos no mapa, contra todo, ofreceron alternativas, tivemos voz e oíron a nosa voz, visibilizaronos.

Hai moitos anos que coñezo a Ana Miranda, coñezo moi ben o seu traballo no Parlamento Europeo. Lembro a entrega e a ilusión de dúas mozas, Ana Miranda e Iria Gala Barxa, naquel despacho de Bruxelas, o seu traballo, a súa aprendizaxe, cando o eurodiputado era Camilo Nogueira. Xa pasaron anos. Ana Miranda levou a casa encanastrada de Galiza, por alle@s e alleeir@s, ao Parlamento Europeo, axudou a restaurar a casa común da que falou o grande diplomático, pai do Consello de Galiza, Lois Tobío, a casa herdada de  Nós. Ana Miranda creceu e nós con ela nesa casa, o lugar de Galiza nesa vella pel de Europa. 

Votarei BNG porque ademais sei que temos a mellor candidata, porque o seu traballo non foi e non pode ser inútil, porque respira queremos galego cando fala inglés, alemán, francés ou portugués, porque a súa preparación en dereito faina herdeira de Carballo Calero, de Tobío, de Bóveda e de todos aqueles que redactaron o Estatuto de Autonomía votado en 1936, aqueles que fronte a un estado depredador escribiron: Galiza, célula de universalidade. Ana Miranda camiña e anda esa casa que restaurou, ese lugar, no Parlamento Europeo con ánimo e forza para traballar, nun espazo que non lle é alleo, é seu, é noso e por el vai con lucidez co mellor e máis ilusionante dos sorrisos, e isto tamén é unha ledicia.

Por todo isto votarei BNG.

Non se deixen enganar por cantos de sereas.
Marga do Val

Comentarios