Opinión

A Esmorga

Non podo ver aínda o filme e desexos non me falta.  A novela é unha desas marabillas da escrita que vai medrando connosco. 

Non podo ver aínda o filme e desexos non me falta.  A novela é unha desas marabillas da escrita que vai medrando connosco. Xa pasara a metade da década dos oitenta, xa estabamos preparándonos para nos botar ao mundo como profesores e profesoras de lingua e literatura galega, cando o compañeiro Millán Otero nos descubriu a historia da navalla e mudou para sempre a nosa lectura sobre A Esmorga. Aquel artigo de Millán Otero publicado no semanario A Nosa Terra,  leuse moito, pegouse nas paredes da vella facultade en Mazarelos. Unha lectura inteleixente que nos mudou a obra.  Non sei que vai acontecer coa navalla na fita(?) Non sei como se tratarán as personaxes femininas (?) Esas personaxes con tanta fondura detrás das imaxes que Blanco Amor constrúe. Para min as mulleres na Esmorga son fundamentais, descobren e encobren a violencia do patriarcado, descobren e encobren a violencia de xénero. Sobreviven ou morren. Son vítimas do sistema e Blanco Amor logrou facer esa denuncia.

Hai uns anos para denunciarmos e actuarmos contra a violencia de xénero desde a Secretaría Xeral de Igualdade que dirixía tan ben e con tanta entrega Carme Adán, unha iniciativa concentrou en dous recitais voces poéticas femininas (nun primeiro ano) e voces poéticas masculinas (nun segundo ano), o reultado foi a publicación de dous libros de Poemas contra a violencia de xénero. O meu poema detívose nas personaxes femininas de A Esmorga.

Con este poema celebro un filme que debezo por ver. Con este poema desexo mil primaveras máis para o cinema galego e para a nosa cultura.

Gozade, vós que podedes, da película, relede a obra e non esquezades a navalla!

"Con este poema celebro un filme que desexo ver e desexo mil primaveras máis para o cinema galego e para a nosa cultura"

 

Un berro de rapariga violada 
conmove
só ese berro ata a boca do estómago
penetra
iso só acontece ás veces
a voz tronza o ar
e sae
o brado forte 
logo outros máis curtos 
afogados
afogada...
Outras veces
só parálise
sen berro
medo
E sermos nada. 
Aluadas. 
Desnortadas.
Todos os días
sempre
alguén fecha as xanelas
Non sentir. Non saber
Non vou botar o berro
que se sentiu no Campo das Bestas.

Trabes sosteñen a historia
casa construída con tixolos de palabras
muller desde o libro 
feita carne
corpo que nunca se olla por enteiro
mans estiradas para recoller
pingueiras de chuvia 
pernas abertas
Cupatrás
corpo fragmentado. 
A Raxada 
só un leito quente
muller por paridora
berce útero seguro 
tempo de carne
no frío do inverno. 

Antes dela a nai
envolveita nas manciñas sandadoras
da tía Esqulilacha
que lavan a culpa
nunha barreña de auga e allo quente
muller boa, a única
só por nai...
o perdón

Sempre desde lonxe
a dona chea de luar
moneca linda
branca de brazos nus
cheos de alfaias
sorrí
estática
fermosa
como a virxe do ceo 
o pé afúndelle
moneca linda
dúas ou tre veces 
a cara
un buraco
esnaquizada

Tampouco nunca antes falara
Nada importa
Ela escacha

Outros espazos
de arrieiros
tratantes
feirantes
co mundo cheo
de bocas
castizos
milhomes
o mundo cheo de churrianas
lerchas
e cadelas
fociños lardosos
que se abren
cos callos da Xenerosa
mentres
a man percorre
dende o nacente do peito
ao van
recende a hortelán
a augardente
xa a man no pescozo
afoga
afoga
bate no rostro
e magoa
tamén doe
e non importa
de portas para adentro
casa con tixolos de palabras
no libro lemos
todas habitamos na casa da Nonó
`polos séculos dos séculos
todas
madalenas da paixón. 

Comentarios