Opinión

Entrada e Saída

Entrada e Saída son dúas palabras que sempre acompañan nos desprazamentos, puntos sinalados que advirten das fronteiras políticas, que convidan a lugares deseñados para o turismo, o lecer que se ofrece ao consumo. Tamén desprazamento polo teu mapa dos afectos, vas cruzando fronteiras co desexo de chegar no corpo á casa, ao lar que deixaches ou que crearon na túa cabeza desde a infancia; vai na valixa a memoria de todas as viaxes que fixeches coas persoas que te acompañaban nesa casa portátil en que se converte un coche co que vas tomar a Saída do cotián para chegares á Entrada, onde moran moitos deberes e tamén marabillas.  

Dedicarlle tempo ao desprazamento para min é un pracer, persoal e intransferíbel, como a memoria. Aínda que os destinos sinalados no mapa, eses lugares casa onde me agardan, sexan o principal cada verán desde 1996, sempre hai algo que se renova. 

Levo anos acumulados de memoria de Mosende a Trier ou a Ober-Hilbersheim, en Alemaña, anos  indo pola Catalunya norte ou pola Bretaña, volvendo ou indo por Zürich, para por afecto, ir dunha casa a outra; son anos de paisaxes e de palabras, de fuxir de atascos e de non querer bater a perna con París para non enredar; anos para ir tocando ou deixándome tocar pola vella pel do mundo, esa Europa que delira na súa construción política e administrativa e que respira en linguas e falares fronte ao delirio. 

Este ano ninguén me parou na fronteira en Suíza, si se me indicaba con anuncios que debía mercar ese autocolante para pegar no coche e poder desprazarme polas autoestradas do país; o certificado de vacinación pedíronmo en Francia cada vez que entraba nalgún lugar, en Alemaña unha mensaxe no móbil deume a benvida ao país e convidábame a consultar o protocolo activado pola Covid, en Luxemburgo un anuncio luminoso na fronteira mandaba unha mensaxe semellante. Para os menores era obrigada unha PCR ou un Test de antíxenos para atravesar Francia, que en Alemaña fixen gratuitamente, que en Cataluña paguei para pasar a Francia, que neste país paguei para entrar no estado español. Das máscaras esquecínme xa que gardei a distancia de seguridade, en Alemaña. En Francia vinas en Céret, en todas partes. De regreso Tui dime que a máscara ameza con ficar. É parte da cara de Europa.

Botei en falta coches compañeiros de viaxe, familias enteiras nos momentos de descanso con arrecendos milenarios habitando o ar cos seus xantares, coas súas cores, coas súas teas, cos seus risos e falares. Tamén coas súas alfombras buscando, eles, o punto da oración. Faltaron no traxecto as familias de Marrocos, motivos económicos impedíronlle a viaxe aos seus lares, non hai operación do estreito permitida para chegar desde o estado español. Todo lles é caro a estas familias que desexaban unha Saída e unha Entrada, ao lar de deberes e marabillas. É caro ir desde portos franceses e moito diñeiro se perde polo estado español, sen a xente de Marrocos a moverse polas súas estradas, coa Entrada para a súa casa fechada. Moito máis que un caprichiño dun rei, no fondo a liberdade do outro pobo. Mentres tanto en Ceuta disque oitocentos menores van ser devoltos a Marrocos e non queren. A palabra é Expulsión.

Comentarios