Opinión

Empatía contra a adversidade

Hai dez anos faleceu meu pai dun cancro de colon pillado en estado avanzado. Nunca lle mandaran facer unha colonoscopia. Toda a familia directa e a paterna pasou a ser de risco, con prevención dunha colonoscopia cada catro anos, agora mudou o protocolo e despois dos cincuenta métenos no cribado da análise de feces, se atopan algo chaman de inmediato. Atendérono no hospital do Meixoeiro de Vigo, evitáronlle toda a dor que puideron, volveu á casa e recibiu coidados paliativos, psicólogo e atención da súa médica de cabeceira. Axudárono e axudáronnos a levar a enfermidade, tivo unha morte digna na casa. Tres anos antes a miña nai sufrira un ictus, ingresada un mes no mesmo centro hospitalario. Ademais das medicinas, quen a salvou foi a médica que cando ela lle dixo que non quería vivir a mandou inmediatamente á ducha para que soubese que podía terse en pé. Mamá asegura que iso a salvou. No hospital do Meixoeiro de Vigo recibimos empatía, empatía contra a adversidade.

Tiven a mala sorte de ter que vivir unha hospitalización en Alemaña, acompañar o meu compañeiro dous meses en coma e sufrir a súa morte. Houbo algo en común entre o hospital universitario de Mainz e o do Meixoeiro, a empatía coa que fun tratada como familiar directa, a forza e o ánimo. Hai un momento en que quen acompaña, coidadora ou coidador, se converte en paciente, ten que coidarse e ser coidada, entón é cando a empatía é medicina precisa, aí está o médico e a médica, iso é o que atopei sempre, empatía contra a adversidade.

Teño moitas noites de hospital enriba quedando con papá e mamá, en Vigo; en Alemaña, iso evítase, só é excepcional. Durmir no hospital é duro nesa cadeira-sofá. Os acompañantes, as acompañantes agradecemos poder estar de noite cando é preciso, hai pouco volvín facelo, sorprendeume durmir no mesmo modelo de sofá de hai dez anos, no hospital clínico de Santiago; tamén atopar as mesmas cadeiras duras en urxencias cando se acompaña o enfermo na padiola; máis me sorprendeu esta segunda feira a falta de asento para acompañantes en urxencias mentres quen se atopa mal senta en cadeira de rodas. Vin mulleres moi maiores dúas horas de pé. O persoal do hospital, desbordado, non deixaba de ser amábel. Un celador entendeu que eu sentara no chan.

Padecer unha enfermidade hoxe en Galiza, acompañar unha enfermidade, é duro. Duro para quen a sofre, para quen a acompaña e para quen a atende desde a medicina, e isto é unha cadea que comeza nos poucos recursos humanos, persoal sanitario que realiza moito máis que o traballo que debe facer, esgotado, sen forzas. A nova onda da Covid, a saúde mental que é noticia nos xornais e non ten cita no sistema sanitario enche os servizos de urxencias. As superheroínas non curan enfermidades, a medicina si. Os médicos e as médicas precisan tempo para nos atender, tempo para descansar, para as súas vidas e ser felices. Sen o seu tempo de estar ben o sistema sanitario pode sufrir a peor das pandemias, o remate da súa resistencia.

Aínda así, fronte aos recortes, eu recibo toda a empatía do mundo cando a médica da ambulancia chega á casa, cando a do hospital escribe nun parte, nai desbordada, e cando o médico de cabeceira me chama despois de atender a sesenta pacientes. Cando sei que acompañan. Empatía, contra a adversidade. Toda a miña gratitude.

Comentarios