Opinión

Do postouro e dos tesouros

Mellor gozar da vida coa veciñanza e isto non nega que nos guste e queiramos estar soas, das moitas cousas que me dixo María, a Pementeira, esta foi unha das que me ficaron gravadas para sempre. Unha tarde eu andaba a apañar cereixas no seu lugar, chegáballe ás ponlas da cerdeira enriba daquel banco pequeno e rompín a chorar; lembro só chorar e María a correr cara a min, collerme no colo e preguntar que tiña. Pasou un tempo e a miña man dereita comezou a inchar e alí estaba o ferrote dunha avéspora. Meu pai sentiu os berros e cando quedou claro que as moedas de cobre non paraban a inchazón marchamos ao Porriño ao médico. Unha inxección, unha pomada e caramelos da menta, un quilo, que así xa me valían para cando tivese catarro, foi o mandando de don Bernardo.

Ao día seguinte, María veume buscar pensando que co medo xa non ía volver nunca máis onda ela, queríame contar un segredo, que non llo podería dicir a ninguén, só á miña nai ou á avoa, se algún día a casa estaba fechada e ela non andaba polo lugar. Ti xa sabes que cando eu marcho sempre llo digo a túa nai. Así que se non me ves é que algo me pasou. Este é segredo máis grande do mundo, o máis importante que unha persoa pode saber, vouche dicir onde está o postouro da chave. A chave da casa dunha é tamén o tesouro más grande do mundo e non é a calquera a quen se lle pode confiar. Á beira do pozo había moitas plantas, despois un montón pequeno de tellas e enriba delas a palangana, onde lavaba as mans, e unha lata con xabón. Ese era o postouro, alí, co xabón, o tesouro máis grande do mundo: a chave da casa. Ese día selamos unha amizade eterna, eu era sabedora do segredo máis grande do mundo que tiña María e nunca llo contei a ninguén. Souben do importante que era ter unha casa, un postouro para gardar o tesouro e alguén en quen confiar, e aínda non ía á escola.

Cando ía para os vinte anos andabamos con reformas na casa, levantouse unha parede nunha despensa xusto debaixo das escaleiras que dan ao faiado e ficou un oco dentro. Antes de facer a obra, meu pai díxome que escribise algo, que falase da familia e de quen vivía na casa, que contase o que estabamos facendo e que día era e que cousas pasaban, para deixalo metido nun bote de cristal que tiña na man, por se algún día alguén tiraba a parede para que soubese quen vivira antes na casa. Así o fixen, lembro que escribín como falabamos, con todos os dialectalismos, unha historia pequena xa que non tiven moito tempo para máis. Sei que alí está ese bote de cristal, coa miña primeira crónica para quen veña despois de que marchemos, se un día tira coa parede. Alí o amor dun pai e a confianza na filla que converte na escriba da familia. Un tesouro gardado para dicir quen somos.

Pensei nos tesouros e nos seus postouros cando tanto se falou de quen topou nunha casa cartos, tamén na xente que coñecín que gardaba o diñeiro nos xergóns. No banco non che están seguros, tamén dirían hoxe. Pensei na desesperación de na busca cando o defunto calara, sei de quen chegou cavar unha bodega enteira. Moita é a cobiza da xente, e aínda que o diñeiro non dá a felicidade, axuda. Sábeno as familias que teñen que mercar libros de texto e material escolar, que mellor é non botar contas.

Eu tamén teño o postouro da chave e en quen confiar o maior tesouro do mundo.

Comentarios