Opinión

A dignidade, nas patacas

Abril fai o que quere, como di un dito alemán, en falando do tempo; que traía o sentidiño que marzo nos roubou. É tempo de mudarmos a paisaxe, de lle facermos cóxegas á terra, de prepararmos camballóns, tempo de plantío. É o tempo da miña amiga Purita de Mosende, de todas as Puritas e dos Puros, que agradecen no alamanaque os días quen van, sobre todo, de febreiro a abril, meses que lles pagan a vida no inverno, autónomas que levan o milagre das sementes, a marabilla da planta, de feira en feira e que agora non pode ser. É o tempo de deseñarmos a horta: de poñermos fermosas en ringlera as cebolas, á beira, os allos; de pensarmos no sol e na auga para procurarmos o mellor lugar para tomates e pementos, tamén para os da Arnoia; de termos un cachiño para cabaciños e cogombros, e de ocupármonos deses morangos que xa levan anos connosco, os morotes nacen sós no fondo do lugar. É tempo de dispormos a terra para o estoupido da cor, ese milagre que nos fai felices. Penso en todas as persoas lonxe da súa horta, mesmo naquelas que teñen aínda a sorte de agradecer, coma min, o agasallo da fiestra: as flores que van murchando das camelias, as das calas aínda ergueitas, algunha rosa despistada e o arrecendo que chega do xasmín. Mais sei que en Mosende a natureza é outra, sei que esas persoas transplantadas da beira da paisaxe das súas hortas, saben todas, vellas e novas, que alá é outra cousa. Con marzo florearon pexegueiros, pavieiras, ameixeiras, toda a froita de carabuña e das cerdeiras bravas. Abril ten todo o explendor das maceiras, das cerdeiras enxertadas, do marmeleiro, do enorme estripeiro todo branco de Xocas, dalgunha pereira. Cada pereira é un mundo e hainas con flor, outras con froitiña e algunha en que conviven a flor e froita a nacer. As oliveiras teñen olivas pequeniñas. Os limoeiros están botando gromos, as tinxiriñas van adiantadas e as laranxas... Que saudade do arrecendo da laranxeira! Tui cheira a flor da laranxeira! Estouno vendo, estouno sentido. Teño a certeza que esas cores, ese arrecendo é o que acompaña hoxe na súa morte a moitas das nosas persoas maiores, quero pensalo. En Mosende, na miña casa, as patacas botámolas en abril, fóra da horta, nun campo que de rapariga era grandísimo, para lles tirar os escaravellos, para ir apañalas. Quero que Purita, que todas as Puritas e Puros, vendan planta, que as leven ás casas, como un produto de primeira necesidade, porque é tempo de plantío e en Mosende e no resto do mundo hai que seguir plantando. Quero que en Mosende e no resto do mundo, a xente poida ir botar as patacas, deseñar a súa horta, ir apallar a verdura, mondar unha laranxa e abrila en cachos, tomar ese zume e celebrar a vida, por todas as persoas vellas e novas transplantadas, por todas as que nos traen os alimentos á casa, polas que van e polas que traballan nos supermercados, de primeira necesidade. Vai frío en abril e si, alguén deixou a porta aberta en Madrid, esa porta pola que Feijjo quere entrar co seu castelán. Saiba, señor presidente, que a dignidade está nas patacas, na galega se pode ser! Hai que seguir plantando e sementando galego e dignidade.

Comentarios