Opinión

Días Brancos

Non todos son Vinícius para que se visibilice o maltrato e o escarnecemento; ese querer aldraxar utilizando a palabra que desequilibre. Malia xogar ben, é negro.

Non todas serán Tina Turner para esixir o respecto e gañalo no combate contra o machismo e o racismo. Malia a súa voz, foi muller negra.

Non todes serán Vinícius, nin Tina.

Moitas son as persoas ás que fan chorar por ser negras, chinesas, de orixe vietnamita e lles chamar chinesas, por ser etíopes e lles chamar marroquís, por ser marroquís e lles chamar terroristas. Moitas son as persoas ás que aínda se lles chama ladras e falsas ciganas, moitas aínda das que se din que fan xudiadas.

As palabras e a lingua non andan ceibes, saen da boca da xente. Saen do racismo, da homofobia, do machismo que se leva por dentro. A iso que se leva por dentro cómpre nos enfrontar. Como cómpre nos enfrontar ao franquismo herdado, aprendido e enquistado. É un labor colectivo e individual. Ninguén nace aprendido para construír unha sociedade igualitaria que mude esas regras do xogo que non son neutras, que obedecen a esa ollada de superioridade eurocéntrica que define o bo e o malo do mundo, desde as linguas en que convén ou non falarmos, as culturas en que convén ou non crecermos. Esa ollada que fai que a palabra racializada non estea no dicionario. Esa ollada das persoas brancas que converte en non normais as persoas non brancas. Esa ollada desde o colonialismo.

Non todo se xoga nun campo de fútbol de primeira división, nin nos mellores escenarios do mundo. Moitas desas persoas ás que fan chorar son rapazada pequena. Para sabelo, hai que sufrilo din algunhas cando van cumprindo anos. Son criaturas que un día comezan a lavar as mans, a cara de maneira insistente, con xabón e máis xabón, na escola infantil dixéronlle que estaban sucias. Criaturas ás que se lles ensina unha canción asturiana na escola en que se di: "viva lo blanco, muera lo negro". E rompen a chorar, e logo a mestra explica que o neno se ten que ir afacendo, que máis lle vale, que ela non se decatou.

Parece ser que estes nenos e nenas se teñen que ir afacendo xa desde pequenos para que cando cheguen á adolescencia nos institutos lles conten chistes de negros para aldraxalos e facelos de menos, aínda que digan que lles molesta, traguen con que só son chistes. Adolescentes que van medrando mentres por simpatía lles din: "chinita", "negrita", "negrazo". Mocidade a que se lle pregunta que tal foi a travesía en pateira, iso si, con moita graza. Adolescentes na procura da súa identidade, con unha loita moito máis forte e solitaria que as adolescentes brancas, moito máis dura. Adolescentes que ven como os seus países de orixe non existen, son todos África, onde tamén semella que só se falan linguas europeas, como en América.

Cousas como estas pasan todos os días tamén nas escolas e nos institutos. Non se pode mirar para outro lado, como non se pode non facer nada cando en moitos centros de ensino a rapazada canta nos recreos "Cara al sol", e non vale dicir que é só unha canción e que agora está de moda.

Quen cala outorga e non educa. Esa educación que falta para que un árbitro suspenda un partido, para que todos os xogadores abandonen o campo.

É normal que o neno diga que o da CRTVG son venres brancos. É negro e xa leva vivindo demasiados días brancos.

Comentarios