Opinión

Detrás da máscara

A máscara vén para ficar. É unha moda imposta que converte os nosos territorios en espazos incógnitos para conquistarmos como o heroe ou a heroína nas novelas de aventuras. Non é nada doado sabermos o que hai detrás da máscara; se levas lentes de sol, es o rostro invisíbel. Coa máscara o lugar de sempre semella alleo, saír á rúa é unha aventura. O lar convértese en praza pública, en aula, en despacho, en lugar de traballo. O lar cada vez é menos lar, se as persoas que o habitan viven tiranizadas polo traballo e sen posibilidade de gozaren da palabra e do diálogo, agora que semellaba que ían ter tempo, que se podían familiarizar coa súa condición humana, coa lingua en toda a súa dimensión. As aulas nas casas están cheas de criaturas invisíbeis, de profesorado invisíbel, de pais e nais dentro no máis absoluto desconcerto. O ordenador, a pantalla, é agora a máscara que oculta o riso ou a decepción, o obxecto polo que se devece, aínda que sexa complicado chegar a fin de mes; ese conectarse á rede, formar parte dunha comunidade dando a cara ou perdendo a voz, é a arela para non ficar atrás. Perdemos a perspectiva do que é ese “ficar atrás”, do que é “avanzar”. A escola cada vez menos escola impón ritmos sen sentido, dá a imaxe de desamparo perdida na rede, detrás da máscara, cando quizais o que haxa que facer é aprender desta detención, desta vivencia do tempo no paso das estacións, dese ensino primeiro de ver e oír, sen contidos, sen programas, só do que nos ofrece a fiestra da casa e o camiño de sempre, do silencio e da ausencia. A Consellaría de Educación está moi lonxe da escola, non sabe que a aula na casa non di o que acontece detrás da máscara, nin se parou a pensar que o profesorado é moitas veces o muro das lamentacións necesario para a rapazada a que axuda a crecer, á que coida e tamén quere. Esquece que é o muro de contención en moitos fogares, esa chamada que chega no momento xusto, cando unha guerra de hormonas, no mellor dos casos, ameaza con fundir o planeta. Esquece, descoñece o compromiso profesional e emocional co alumnado; empeora o labor do profesorado cunha carga de traballo burocrático, contra reloxo, que non se pode admitir. Non tivo nunca en conta a situación do profesorado, fechado na casa e cunha carga horaria maior, con imposibilidade de conciliar coa súa vida persoal. A Consellaría desconfía do Profesorado, sen lle recoñecer nada, sen saber como está, en contradición deposita unicamente nas súas mans a aprendizaxe do alumnado. A Consellaría sen rumbo, sen dirección clara, descoordinada, fai do profesorado, alumnado e familias seres invisíbeis, sen entrar detrás das máscaras. Si, moi perdidiña anda a Consellaría se non pregunta a quen sabe, se non se pon a facer as tarefas, pouco prazo ten para organizar as probas ABAU con garantías de saúde e ten que espelir para poñer en marcha sen improvisación o novo curso. Moi perdida, para que se lle pase pola cabeza obrigarnos a facer acto de presenza na escola. Menos alumnado por aula, máis profesorado, ensino público e de calidade. Estamos no Tema Único: O importante é ter saúde. A sanidade, a escola son o futuro.


 


 


 

Comentarios