Opinión

A (des)protección de datos

Alei de protección de datos está na nosa vida, referenciada en moitos dos documentos que asinamos, por iso é normal que esperten a nosa atención chamadas que recibimos que se fan bastante pesadas para nos informar de múltiples posibilidades que nos farán máis doada a cotiandade e veñen de compañías telefónicas, eléctricas, seguros médicos, etc.

Moitas veces escribimos o número de teléfono onde non debemos, fuchicamos na rede ou é ela a que se mete xa na nosa vida, como cando alguén entra pola porta da nosa casa sen que ninguén lle dea o paso; así sen corpo, entra a información que nos promete solucionar a humidade na casa, os problemas de artrite, que aconsella sobre as placas solares ou ofrece programas personalizados de pilates...

E picamos no xogo, pasamos de páxina a páxina até que aparece o lugar onde se debe indicar o número de teléfono. Se escribes ese número vai comezar un pouco a túa perdición, abriches a porta da casa. Outras veces, en corpo e alma, detéñente pola rúa ou na entrada dalgún lugar para indicarche as facilidades que terías se mudases de compañía eléctrica, que te chamará un asesor, sempre é un.

Proba a dicirlle que che envien toda a información por correo electrónico, o máis seguro é que che digan que non traballan así. Prefiren trato directo, machacarte cunha voz, rematar coa túa paciencia. Non paga preguntármonos como teñen os nosos datos para abrir a porta. 

Eu isto xa o sufrín. Non agardaba e, vaia por diante, xa é a segunda vez que me pasa, recibir unha carta de facenda informándome de datos que non corresponden á miña persoa e que eu creo que non debo saber, aínda que a notificación apele á miña responsabilidade e me avise das consecuencias se non actúo como é o meu deber.

Hai uns días a carteira petou na miña porta, para traerme unha carta da Axencia Tributaria. A confianza que temos permite que cando asino o recibín poida dicir: Síntocho moito, non che debe ser cousa boa, é de facenda. Eu, se me chega unha, con só pensalo xa tremo. É certo unha carta con ese remitente nunca che vai alegrar a vida, xa está sentenciada polo sobre que a trae dentro, con esa parte negra que lembra a estampa que aínda dan nalgúns enterros, como recordatorio.

Na notificación de once páxinas, aclarábase que non se me remitía como “debedor” da AEAT, era sobre a miña relación comercial con certa empresa e como tiña que actuar se tiña algún pago que lle afacer. Tiña que pagarlle a facenda. O que non é aceptábel é que se me achegue o dato de que a dita empresa, que depende unicamente dunha persoa, que é un autónomo, que leva tres meses de baixa, por unha operación, é que se me diga que lle debe a facenda 368 euros.

Esta mesma carta de facenda, coa parte negra no sobre que lembra unha estampa, repartida nalgúns enterros, chegou a todas as persoas relacionadas coa empresa. Cando o autónomo levou o material para unha instalación que lle contrataran, o señor contratante, fechoulle a porta na cara e díxolle que non toleraba recibir notificacións de facenda, que non quería ter máis tratos con el. O medo á fecenda deixouno coa obra por facer e coa mercadoría no coche.

Moléstame saber a situación dunha empresa, cantos cartos debe. Moléstame que o medo á facenda do contratante, afecte ao autónomo e que  fique co traballo por facer e por cobrar.

U-la protección de datos?

Comentarios